Partido Popular de Lugo

Ningún desempregado dos concellos da comarca de Lugo poderá ser contratado a través do Plan de Emprego do Señor Besteiro

Lugo 22 de novembro de 2013.- O Grupo Provincial do Partido Popular denunciou hoxe que ningún desempregado da comarca de Lugo, formada polos Concellos de Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Lugo, Outeiro de Rei, Portomarín e Rábade, poderá ser contratado a través do Plan de Emprego da Deputación de Lugo.

Denunciouno a voceira dos populares no Organismo Provincial, Elena Candia, quen esixe ao PSOE e ao BNG que responda ás preguntas que están a plantexar durante estes días froito da limitación dun plan que “cualifica a parados de primeira e de segunda en función do municipio e inclusive da comarca de residencia”.

Elena Candia lamenta que na comarca que máis poboación engloba, ningún dos 10.620 desempregados poida obter un posto de traballo a través deste plan de emprego discriminatorio, sectario e excluínte e denuncia este trato excluínte que Gómez Besteiro lle da a esta comarca que conta cun 40,94% dos parados da provincia.

“Estamos ante a comarca máis poboada da provincia”- manifestou Candia, quen dixo non entender que deste orzamento, superior aos 2.000.000 millóns de euros, ningún cidadán desempregado poida ser  contratado a través deste plan de emprego.

Dende o Grupo Provincial do Partido Popular “esiximos que se garanta a igualdade de oportunidades entre todos os concellos da provincia”, esgrimiu Candia, quen se preguntou se esta marxinación, este castigo e esta discriminación é o reequilibrio do que fala o Organismo Provincial.

A popular afirmou que estas actuacións do Señor Besteiro contrastan coas inciativas de empleo que impulsa a Xunta de Galicia,  que si chegan a tódolos concellos da comarca a través dos plans de cooperación e permiten a solicitude de participación de tódolos municipios, como é o caso dos obradoiros.

A voceira dos populares na Deputación quixo deixar claro que o seu grupo seguirá a traballar na mesma liña e con rigor demandará que o plan de emprego promovido pola administración provincial cumpra os obxectivos que recolle nas bases e permita a creación de emprego na provincia garantindo a igualdade de oportunidades entre a poboación desempregada.