Partido Popular de Lugo

Ángel Camino e Jaime Íñiguez salientan a colaboración do Goberno de Feijoo con tódolos concellos da comarca de Sarria investindo preto de 153.000 euros na contratación de 21 desempregados a través do Plan de Cooperación

Santiago, 22 de novembro de 2013.- Os deputados do Grupo Popular da comarca de Sarria, Ángel Camino e Jaime Íñiguez, salientaron esta mañá que a Xunta de Galicia colabora con tódolos concellos da comarca de Sarria investindo, no que levamos de ano, 152.172,52 euros na contratación de 21 persoas desempregadas a través dos programas de cooperación.

Con estas axudas o Goberno de Núñez Feijoo asume o cen por cen dos custes salariais e de seguridade social das persoas contratadas e son os concellos os que autonomamente propoñen e realizan os contratos. Os traballadores desenvolven en cada un destes municipios distintos servizos de interese público que os concellos non poderán asumir con recursos propios.

NINGÚN CONCELLO EXCLUÍDO

Camino e Íñiguez salientaron que, a diferenza dos programas postos en marcha por outras administracións, -entre eles a Deputación de Lugo- ningún concello queda excluído destas axudas e, polo tanto, tódalas persoas que estean inscritas no paro nos sete concellos da comarca de Sarria (O Incio, Láncara, Paradela, O Páramo, Samos, Sarria e Triacastela) poden ser potencias beneficiarios dos plans de cooperación da Xunta.

IGUALDADE DE OPORTUNIDADES

Os parlamentarios puxeron en valor este feito destacando que a Xunta de Galicia non establece diferenzas entre parados segundo o concello no que residen, xa que participan todos os municipios, á vez que garante a igualdade de oportunidades entre as persoas que se atopan sen emprego, que poderían ser contratadas a través deste plan.

Algunhas das contratacións que se subvencionan están destinadas á incorporación laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero, que teñen prioridade absoluta para acceder aos postos de traballo xerados mediante os Programas de Cooperación.

REFORZO ÁS BRIGADAS MUNICIPAIS

Manifestaron ámbolos dous parlamentarios populares, que a Xunta de Galicia tamén traballa no reforzo das axudas para as brigadas municipais das que dependen moitos concellos de cara a engrosar os equipos dedicados ao acondicionamento ou mellora de espazos e bens públicos, que atenden a tarefas que van dende a limpeza de edificios e rúas ata o coidado de áreas fluviais e recreativas ou o desbroce de pistas e camiños. Tamén destinan un bo número destes contratos a atender servizos relacionados co socorrismo, ocio, a cultura ou o turismo.