Lugo 21 de novembro de 2013.- O Grupo Provincial do Partido Popular reproba que o Plan de Emprego deseñado polo bipartito da Deputación Provincial de Lugo permita a contratación de tan só 8 dos máis de 5.100 desempregados da comarca da Mariña.
Así o denunciou esta mañá a voceira do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, quen esixe ao PSOE e ao BNG na Mariña que dea resposta ás preguntas que están a plantear durante estes días froito da limitación dun plan que “cualifica a parados de primeira e de segunda en función do municipio e inclusive da comarca de residencia”.
Candia lamenta que tan só un 0,15% dos desempregados da comarca podan obter un posto de traballo durante 15 meses a través deste plan de emprego “discriminatorio, sectario e excluínte”.
A voceira do Partido Popular explica que se está ante a segunda comarca máis poboada da provincia, polo que, non chegan a entender que deste orzamento superior aos 2.000.000 millóns de euros, só oitos persoas da Mariña sexan contratados a través deste plan de emprego.
Dende o Grupo Provincial do Partido Popular “esiximos que se garanta a igualdade de oportunidades entre todos os concellos da provincia”, matiza Candia, quen engade que non é suficiente que só un concello da Mariña, en concreto, A Pontenova, (da mesma cor política do equipo de goberno da Deputación de Lugo), sexa o único beneficiario deste plan.
A voceira dos populares na Deputación explica que o seu grupo seguirá a traballar na mesma liña e con rigor demandará que o plan de emprego promovido pola administración provincial cumpra os obxectivos que recolle nas bases e permita a creación de emprego na provincia garantindo a igualdade de oportunidades entre a poboación desempregada.