Lugo, 21 de novembro de 2013.- O presidente do Partido Popular en Lugo e portavoz do Grupo Popular no Senado, Xosé Manuel Barreiro, explicou hoxe que os Grupos Municipais do PP na oposición veñen de solicitar tamén a convocatoria de plenos extraordinarios, ou de rexistrar mocións, nas que esixen á Deputación lucense que non discrimine aos parados en función do concello no que residan. (En concreto serán 15 solicitudes de pleno extraordinario e 9 mocións)
COMPLETAN TODA A PROVINCIA
Deste xeito os populares completan o mapa da provincia ata chegar a 66 dos 67 concellos –todos excepto Quiroga, que si está incluído no plan de emprego- promovendo un debate dirixido a que as Corporacións Municipais poidan demandar á administración provincial que corrixa o contido das bases de convocatoria deste programa de emprego, de tal xeito que se garanta a igualdade de oportunidades, a diferenza do que acontece na actualidade onde 24.522 parados –case o 95% do total da provincia- non terán opción nin de participar na selección deses futuros 80 contratos.
PLENOS EXTRAORDINARIOS
Barreiro lembrou que ao longo do día de hoxe teñen previsto celebrarse gran parte dos plenos extraordinarios convocados polos alcaldes populares e nos que os rexedores municipais queren facerse eco do malestar crecente, entre os seus veciños, polo atropelo que teñen protagonizado o bipartito provincial.
A XUNTA CHEGA A TODOS OS CONCELLOS SEN EXCLUSIÓNS
Urxen a Besteiro a rectificar unha posición inxusta e sinalan, unha vez máis, que o camiño a seguir é o dos programas de emprego que promove a Xunta de Galicia que, como no caso do Plan de Cooperación chega a todos os concellos lucenses sen excepción ou, no caso dos Obradoiros de emprego, establece unhas bases que permiten a calquera concello solicitar a axuda.
Barreiro ve inxusto e discriminatorio que a Deputación estableza diferenzas de dereitos entre os parados lucenses e insiste en que non se pode empregar unha administración para crear concellos de primeira e de segunda categoría segundo a conveniencia do bipartito.