Lugo, 21 de novembro de 2013.- O secretario xeral do Partido Popular de Lugo, Jose Manuel Balseiro, significou que a Xunta de Galicia lidera os investimentos en materia de emprego na nosa provincia grazas á achega de preto de catro millóns de euros, en distintos programas de apoio, no que levamos de ano 2013.
O dirixente popular explicou que as axudas do Goberno galego permitiron a formalización de contratos con 564 veciños desta provincia que se atopaban en situación de desemprego. Nesa liña quixo poñer en valor os esforzos do Goberno galego diante do principal reto do país, loita contra o paro.
OBRADOIROS E PLANS DE EMRPEGO
O groso das axudas da Xunta chegaron a través de dous programas: os plans de cooperación cos concellos e os obradoiros de emprego. En ambos casos –salientou Balseiro- estes programas dan a posibilidade de participación a todos os concellos da provincia, sen exclusión, o que os diferenza do que acontece cos programas que impulsa a Deputación provincial.
Na provincia de Lugo, en 2013, os Plans de cooperación, que chegaron á totalidade dos concellos lucenses sen exclusión, o investimento superou os 2.200.000 euros e xeraron 374 empregos, en distintos ámbitos laborais de utilidade social e tras formalizar o contrato a través das entidades locais pero co financiamento da Xunta.
No caso dos obradoiros de emprego dispuxeron dun orzamento de 1.700.000 euros e permitiron a participación de 190 desempregados, aos que habería que sumar as contratacións do persoal técnico e formativo. As bases reguladoras desta convocatoria permiten concorrer a todos os concellos da comarca sen limitación.
A todos estes apoios habería que engadir unha importante inversión da Xunta para a posta en marcha dos programas de formación, dos que tamén se benefician na nosa provincia un importante número de persoas desempregadas e que permiten adquirir, renovar ou ampliar coñecementos e ganar en posibilidades de inserción laboral.
PRIORIDADE DO GRUPO POPULAR
Balseiro concluíu salientando que as administracións xestionadas polos populares non se renderán na batalla contra o paro xa que rematar co desemprego non é unha opción senón un deber e unha prioridade para lograr a remontada económica no noso país.