Lugo 20 de novembro de 2013.- O Grupo Provincial do Partido Popular continúa a analizar os datos “reprobables” que resultan do estudo das bases que regulan o plan de emprego da Deputación de Lugo. Así, na comarca de Sarria, a voceira do PP no ente provincial, Elena Candia, repudiou hoxe que tan só 186 dos 1.775 parados destes concellos poderán participar na selección para obter un posto de traballo a través des plan.
Polo tanto, Elena Candia lamentou que máis de 1.589 desempregados desta comarca “non terán nin a oportunidade de tentar acadar un emprego” ao estarse ante un plan “excluínte”.
Deste xeito, o 89,52% de desempregados da comarca de Sarria resultan “discriminados” froito dun “abuso inadmisible” que os populares rexeitan e para cuxas modificacións das bases se convocaron sesións plenarias, na procura dun plan “no que podan participar todos os concellos da provincia e, en consecuencia, podan beneficiarse o maior número de persoas desempregadas posibles”.
Así mesmo, o Grupo Provincial do Partido Popular reivindicou de novo a igualdade de dereito de oportunidades entre os parados dos diferentes municipios e esixiu, polo tanto, de novo un plan que non discrimine aos parados froito duns criterios cos que se procura, meramente, obter “beneficios persoais e políticos”.
Só dous municipios da comarca cumpren as bases do plan
As bases deseñadas polo goberno bipartito da Deputación Provincial de Lugo exclúe a 5 dos 7 concellos que integran a comarca, tanto é así que só os municipios de Samos e o Incio acadarían a puntuación mínima para ser beneficiarios deste plan.
Así e segundo os parámetros da Deputación de Lugo, máis do 71% das localidades quedan fóra plan de emprego da Deputación de Lugo. Láncara, Paradela, O Páramo, Sarria e Triacastela son os municipios da comarca de Sarria que ou ben xa non teñen nin posibilidade de solicitar o plan, ou ben non cumpren a puntuación mínima requirida.
Para o Grupo Provincial do Partido Popular esta medida adoptada polo goberno da Deputación de Lugo é un signo de desprezo a máis do 85% dos habitantes da comarca que dado o plan deseñado polo bipartito non poderán participar no proceso de selección.