Partido Popular de Lugo

Os alcaldes populares convocan este xoves plenos extraordinarios en todos os concellos da provincia instando á Deputación a rectificar por “discriminatorio e excluínte” o novo plan de emprego

Lugo, 19 de novembro de 2013.- O presidente do Partido Popular de Lugo e portavoz do Grupo Popular no Senado, Jose Manuel Barreiro explicou hoxe que os alcaldes populares veñen de convocar para o vindeiro xoves día 21 de novembro plenos extraordinarios en todos os concellos da provincia –alí onde gobernan- nos que se instará á Deputación provincial a rectificar, “por discriminatorio e excluínte” o novo Plan de Emprego.

Os populares lucenses reiteran “o seu máis enérxico rexeitamento” á decisión adoptada polo bipartito de socialistas e nacionalistas que, desde o Goberno da administración provincial, deseñaron un plan de emprego que non permite participar na selección a 9 de cada 10 desempregados lucenses.

55 CONCELLOS FÓRA DO PLAN

Unha vez coñecidas as bases reguladoras do plan de emprego, desde o PP están en disposición de asegurar que quedarían fóra deste plan, aínda máis concellos: En concreto, 55 dos 67 municipios da provincia. Tan só acadarían a puntuación mínima 12 municipios:  un gobernado polo PP (Quiroga) e o resto (11 concellos máis) con alcaldías do PSOE e do BNG, que se repartirán entre eles un orzamento de dous millóns de euros. Este dato é especialmente curioso tendo en conta que os populares ostentan o 64% dos gobernos locais.

QUE TODOS POIDAN PARTICIPAR

Barreiro explicou que nas sesións plenarias convocadas “esixirase á administración provincial que modifique as actuais bases que rexen o plan de emprego e que dote á actual convocatoria de orzamento suficiente para que podan participar neste programa todos os concellos da provincia e, en consecuencia, poidan beneficiarse ao maior número de persoas desempregadas posibles”.

Todos os plenos terán lugar o xoves 21 de novembro excepto no concello Quiroga que non se realizou a convocatoria por ser o único concello do Partido Popular que estaría dentro do plan. Os populares gobernan hoxe 43 dos 67 concellos da provincia, isto significa, que representan case 7 de cada 10 alcaldías.

RENUNCIAN A PERCIBIR DIETAS

Barreiro tamén indicou que todos edís populares renunciarán a percibir a dieta correspondente pola asistencia a este pleno extraordinario a través do que, desde o Partido Popular, “pretenden facerse eco da crecente indignación dos seus veciños ante un plan de emprego excluínte que non garante a igualdade de oportunidades entre a poboación desempregada”.

DESPREZO AOS LUCENSES

Para os alcaldes populares a medida adoptada polo goberno de Besteiro “é todo un signo da prepotencia e arrogancia coa que xestionan desde fai seis anos a Deputación lucensee supón un total menosprezo aos desempregados que se ven discriminados pola Deputación en función do concello no que residen”.

Barreiro indicou finalmente que a Deputación, “cuxa misión fundamental é a de servir de apoio aos concellos lucenses non poden desoír a demanda inmensamente maioritaria dos alcaldes, esixindo corrixir o plan de emprego”, xa que logo de facelo, “estarían consolidando unha situación de desprezo de cara os lucenses e, moi en particular, aos parados lucenses”.