Partido Popular de Lugo

PP de Rábade urxe ao rexedor a adoptar as medidas necesarias para rematar coa problemática da auga

Rábade 18 de novembro de 2013.- A presidenta e voceira do PP en Rábade, María Luisa Macía, anunciou esta mañá que o seu grupo levará ao pleno unha moción para instar ao goberno municipal a que, con carácter de urxencia e sen máis dilación, adopte cantas medidas correctoras estime acaídas para conseguir unha auga óptima e de calidade en todos os seus parámetros.

Nunha rolda de prensa, María Luisa Macía explicou que dende os últimos meses, a auga chega aos fogares dos veciños en moi mal estado e criticou que o goberno municipal nada fixo por solventar esta problemática.

“E sinxelo apreciar como a auga que corre polas nosas billas e grifos non parece axustarse aos estándares físicos-químicos mínimos para ser considerada de calidade”- manifestou quen engadíu que en moitas ocasións chega turbia e presenta un mal olor e sabor que está a provocar inquedanza entre a poboación.

Macía insistíu en que a auga procedente da traída municipal é empregada de xeito habitual tanto por fogares como por empresas e comercios para distintos usos –incluído o consumo directo- e, ante a mala presenza que ofrece, está a provocar importantes prexuízos aos usuarios do servizo.

“O Goberno local non parece ser capaz de garantir o tratamento e os procesos que deben aplicarse para acadar a calidade desexada”- denunciou a popular, quen engadíu que tampouco desenvolve a vixilancia, supervisión e seguimento preciso que lle levaría a adoptar, unha vez detectada a orixe do problema, as medidas correctoras necesarias.

Concluíu Macía afirmando que o Grupo Municipal Popular quere, a través desta moción mellorar o servizo e a calidade do auga procedente da traída municipal, e dar resposta ás múltiples queixas que manifestan constantemente os nosos cidadáns, os cales ademais, pagan un servizo que non se corresponde coa calidade que reciben.