Partido Popular de Lugo

O PP considera que se o alcalde puxera o mesmo interese nos asuntos municipais que na “cansina orquestada” sobre a farmacia hospitalaria hoxe Riotorto non tivera perdido a súa residencia

Riotorto, 18 de novembro de 2013. O Partido Popular de Riotorto considera que se o alcalde puxera o mesmo interese nos asuntos municipais que na “cansina orquestrada” sobre a farmacia hospitalaria hoxe os veciños non terían perdido a súa residencia.

Os populares lembran que mentres que Riotorto perdeu un investimento superior ao millón de euros, que contribuiría a xerar un importante número de postos de traballo e a ofertar un servizo vital para as persoas maiores, a preocupación do alcalde está noutras cuestións de distinta relevancia.

Desde o PP instan a Estoa a que “sexa valente” e explique “dunha vez e con total claridade” cantos veciños de Riotorto vense afectados polo novo sistema de farmacia hospitalaria “xa que estiman non serán máis de catro”. Mentres que a perda da residencia prexudica ao conxunto do municipio.

“O colmo dos colmos está en que vemos a un rexedor falando e alardeando sobre un tema sanitario e de benestar social cando él renunciou a que os riotortenses contasen cunha residencia”- critican os populares, que afirman que este “teatrillo ten por obxecto tapar a súa nula xestión”.

Os populares rematan lembrando que o alcalde “cobra un soldo do concello para solucionar os problemas dos veciños de Riotorto “e non para andar por aí de pancarteiro e teatreiro”, insisten en que Gutierrez Estoa ten moi complicado “dar leccións de nada” cando nin tan sequera “atende aos temas do seu municipio” xa que “chegan os veciños ao concello e nunca está para recibilos”, porque se atopa fóra do municipio facendo campañas alleas aos intereses locais.