Partido Popular de Lugo

Só 255 dos 1.485 parados das comarcas de Chantada e a Ulloa poderán participar na selección do Plan de Emprego da Deputación

Lugo 15 de novembro de 2013.- O Grupo Provincial do Partido Popular continúa a analizar os datos “reprobables” que resultan do estudo das bases que regulan o plan de emprego da Deputación de Lugo. Así, nas comarcas de Chantada e a Ulloa, a voceira do PP no ente provincial, Elena Candia, repudiou hoxe que tan só 255 dos 1.485 parados das dúas localizacións poderán participar no proceso de selección do Plan de Emprego da Deputación de Lugo.

Polo tanto, Elena Candia lamentou que máis de 1.230 desempregados destas dúas comarcas “non terán nin a oportunidade de concorrer ás probas selectivas do plan, ao quedar excluídos directamente como resultado dunhas bases “sesgadas, que non se rexen nin por criterios obxectivos nin éticos”.

O 82,83% de desempregados das dúas comarcas resultan “discriminados” froito dun “abuso inadmisible” que levará aos populares a tomar iniciativas que procuren modificar este plan.

O Grupo Provincial do Partido Popular reivindicou a igualdade de dereito de oportunidades entre os parados dos diferentes municipios e esixiu un plan que non discrimine aos parados froito duns criterios cos que se procura, meramente, obter “beneficios persoais e políticos”.

Só un municipio das dúas comarcas poderá optar a participar no plan

As bases deseñadas polo goberno bipartito da Deputación Provincial de Lugo exclúe directamente a 5 dos 6 concellos que integran as comarcas de Chantada e A Ulloa, tanto é así que só o municipio de Monterroso poderá solicitar o plan e, polo tanto, participar no proceso de selección.

Polo tanto e segundo os parámetros da Deputación de Lugo,  máis do 83% das localidades da Ulloa e Chantada quedan excluídas directamente do plan de emprego da Deputación de Lugo. Palas de Rei, Taboada, Carballedo, Antas de Ulla e Chantada nin tan sequera terán a posibilidade de solicitar o plan para participar logo no proceso de selección.

O 84% da poboación excluída

Da análise por poboación excluída, apréciase que preto do 84% da poboación da Ulloa e Chantada non poderá optar ao proceso de selección deste plan de emprego. Neste senso, dende o GPP criticaron que o bipartito da Deputación de Lugo estea a crear cidadáns de primeira e de segunda, en función do municipio de residencia.