Partido Popular de Lugo

Crece a indignación de alcaldes e portavoces polo discriminatorio e excluínte Plan de emprego da Deputación

Lugo, 14 de novembro de 2013.-  O Partido Popular de Lugo vén de constatar o crecente malestar e a indignación dos alcaldes e portavoces municipais da provincia tras coñecerse as condicións discriminatorias e excluíntes nas que foi deseñado o Plan de Emprego da Deputación.

Os populares consideran un “atropelo inaceptable” que nove de cada dez parados lucenses non poidan nin tan sequera optar a participar na selección deste plan de emprego, segundo as bases elaboradas por socialistas e nacionalistas, e lembran que 43 dos 67 concellos da provincia quedan automaticamente excluídos do plan, aplicando os criterios establecidos polo bipartito.

Na tarde noite de onte representantes municipais populares mantiveron unha xuntanza convocada desde a dirección provincial e presidida por Xose Manuel Barreiro, nela tamén estivo presente o secretario xeral dos populares lucenses, Jose Manuel Balseiro e a portavoz provincial popular, Elena Candia.

ENGANO MASIVO DA DEPUTACIÓN

Nesa cita alcaldes e portavoces municipais manifestaron o seu apoio ás iniciativas que impulse o Grupo Provincial Popular destinadas a corrixir este Plan de emprego e facer rectificar á o Goberno provincial de socialistas e nacionalistas cunha actitude que discrimina aos parados en función do seu concello de residencia.

Os populares acusan á Deputación de Lugo de perpetrar un engano masivo aos parados lucenses tras presentar un Plan que xerou falsas expectativas entre os desempregados e que directamente exclúe a 23.384, o 90,15% do total dos parados lucenses.

O Partido Popular de Lugo estuda distintas medidas, sen descartar ningunha estratexia de presión, para acadar a rectificación da Deputación de Lugo e a igualdade de oportunidades de todos os desempregados lucenses, tal e como, por exemplo, queda garantizado cos programas de cooperación da Xunta que benefician a todos os concellos da provincia, sen exclusión.