Partido Popular de Lugo

AGUSTÍN BAAMONDE SALIENTA QUE OS PROGRAMAS DE COOPERACIÓN DA XUNTA ACHEGARON MÁIS DE 283.000 EUROS E CONTRIBUIRON A XERAR 38 POSTOS DE TRABALLO NA TERRA CHÁ

Santiago, 14 de novembro de 2013.- O deputado do Grupo Popular, Agustín Baamonde salientou hoxe que a través dos programas de cooperación da Xunta, no que levamos de ano, todos os concellos da Terra Cha recibiron un investimento global de máis de 283.000 euros que fixeron posible a contratación de 38 persoas desempregadas.

O deputado popular explicou con estas axudas a administración autonómica sufraga a totalidade dos custes salariais e de seguridade social das persoas contratadas ao abeiro deste plan e son os concellos os que autonomamente propoñen e realizan os contratos.

Con estes apoios os municipios poden ofertar distintos servizos de interese público que doutro xeito non poderán asumir con recursos propios e, de feito, moitos concellos dependen destas axudas para engrosar as brigadas dedicadas ao acondicionamento ou mellora de espazos e bens públicos, que atenden a tarefas que van dende a limpeza de edificios e rúas ata o coidado de áreas fluviais e recreativas ou o desbroce de pistas e camiños. Tamén destinan un bo número destes contratos a atender servizos relacionados co socorrismo, ocio, a cultura, o turismo ou a axuda no fogar.

NINGÚN CONCELLO EXCLUÍDO

Agustín Baamonde salientou que, a diferenza dos programas postos en marcha por outras administracións, como por exemplo a Deputación de Lugo, ningún concello queda excluído destas axudas e polo tanto todas as persoas que estean inscritas no paro na comarca da Terra Cha poden ser potencias beneficiarios dos plans de cooperación da Xunta.

IGUALDADE DE OPORTUNIDADES

O parlamentario puxo en valor este feito destacando que a Xunta non establece diferenzas entre parados segundo o concello no que residen, xa que participan todos os municipios, á vez que garante a igualdade de oportunidades entre as persoas que se atopan sen emprego, que poderían ser contratadas a través deste plan.

Algunhas das contratacións que se subvencionan, ademais, están destinadas á incorporación laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero, que teñen prioridade absoluta para acceder aos postos de traballo xerados mediante os Programas de Cooperación.