Rábade, 13 de novembro de 2013. O Partido Popular de Rábade rexeita as bases que regulan o plan de emprego da Deputación Provincial de Lugo e que de maneira “inxusta” exclúe ao municipio, baseándose en criterios “sesgados e de interese político” que impiden que os parados do concello aspiren a acadar un posto de traballo.
A voceira do Partido Popular na localidade, María Luísa Macía, considera que se está a vivir unha situación de discriminación dos 165 parados do concello, soamente por residir nun municipio que dende o goberno da Deputación de Lugo non contemplan dentro da súa estratexia electoralista de cara aos comicios de 2015.
María Luísa Macía reivindica que o plan, con fondos de todos os lucenses, se converta nun verdadeiro programa de fomento do emprego no que teñan, a “través de criterios reais e obxectivos”, a oportunidade de participar todos os concellos da provincia, que, en maior ou menor medida, se ven afectados pola actual situación de crise económica que provoca que o desemprego sexa a principal preocupación dos veciños.
As bases que regulan este programa provoca a discriminación dos parados en función do municipio de residencia creando unha situación de “irrespetuosidade” cara aos veciños que procuran un posto de traballo e que contribúen publicamente igual que os habitantes doutros municipios.
Aos populares “parécelles mal” a xestión que se está a promover dende a Deputación Provincial “carente de todo tipo de ética” e reivindican a igualdade de oportunidades para todos os desempregados, independentemente do concello no que residan.
De igual maneira, dende o PP explican que esta situación contrasta a falta de apoio en materia de emprego da Deputación de Lugo en comparación coa implicación da Xunta de Galicia que si concedeu un obradoiro a Rábade e, a maiores, matizan que o Plan de Cooperación da administración autonómica si subvenciona a contratación de desempregados en todos os concellos.
Concellos con características similares e resultados diferentes
A voceira dos populares basea as súas declaracións en datos obxectivos e comprobables, como son o número de habitantes dun municipio e o de desempregados. Tanto é así que María Luísa Macía exemplifica esta situación.
Neste senso a popular refírese ao concello de Cervantes, gobernado polo PSOE, que cunha poboación moi similar a Rábade e un número de parados inferior, terá a opción de participar no proceso de selección, mentres “o noso municipio é excluído directamente”.
En cifras constátase que Rábade ten 1.674 habitantes, e Cervantes 1.593. Así, mentres os máis de 165 desempregados rabadenses non terán a oportunidade de concorrer no proceso de selección do plan de emprego; os 92 parados de Cervantes si contarán con esa posibilidade.
A popular que defende a inclusión de Cervantes e só o utiliza para facer a comparativa, non chega a entender a “discriminación” da que é froito o seu municipio cando son 73 máis os parados de Rábade que os do concello da montaña e aínda así nin tan sequera poderán participar no proceso de selección.