Lugo 12 de novembro de 2013.- A voceira do PP na Deputación de Lugo, Elena Candia, censurou hoxe que tan só 194 dos 2.455 parados da comarca de Lemos poderán participar na selección do Plan de Emprego da Deputación de Lugo. Polo tanto, menos do 8% do total de desempregados destes municipios terán a posibilidade de aspirar a ter un posto de traballo a través desta oferta.
Esta exclusión directa dun 92% dos parados é froito dunha bases que “non se rexen por criterios obxectivos e que non optimizan os fondos públicos de todos os lucenses”. O Grupo Provincial do Partido Popular reivindica a igualdade de dereito de oportunidades entre os parados dos diferentes municipios e esixe un plan que non discrimine aos desempregados froito duns criterios cos que se procura, meramente, obter “beneficios persoais e políticos”.
Análise por poboación
Se a análise se realiza a través do número de habitantes extráese que tan só o 10% dos veciños da comarca de Lemos terán a opción de participar na selección do Plan de Emprego promovido pola Deputación Provincial de Lugo.
Tanto é así que, un total de 29.256 habitantes, dos 32.813 censados na comarca, nin tan sequera terán a posibilidade de aspirar a ter un posto de traballo a través desta oferta.
Só dous municipios poderán optar a recibir estas subvencións
Se a análise por datos poboacionais é “criticable” froito da “discriminación” que se está a dar; a voceira dos populares na Deputación explica que a situación se repite na análise por municipios.
Neste senso, dos 6 concellos que integran a comarca de Lemos, só 2 municipios están integrados neste plan e, polo tanto, optan a participar no proceso de selección. Polo tanto e segundo estas bases, o 66,67% das localidades de Lemos quedan excluídas directamente do plan de emprego da Deputación de Lugo.
Candia denuncia que esta situación estea a crear concellos de primeira e de segunda sen guiarse por criterios “lóxicos”. Tanto é así que existen municipios excluídos cunha maior porcentaxe de parados respecto ás outras localidades que si poderán participar deste plan público de emprego.
Dende o PP critican que o bipartito da Deputación de Lugo estea a crear cidadáns de primeira e de segunda, en función do municipio de residencia; ao tempo que lamentan que este plan de 2.000.000 millóns de euros exclúa directamente ao 89,16% da poboación da comarca de Lemos, en concreto, só lle dea oportunidade de participar a dous municipios: Bóveda e Pobra de Brollón.
A popular tacha de “non ético” a situación que se está a dar e amosa a dispoñibilidade do seu grupo que solicitará unha pleno extraordinario para modificar este plan promovido por unha institución desde a que se están a destinar fondos públicos para favorecer só “a uns poucos” creando “discriminacións entre os parados”.