Lugo 12 de novembro de 2013.- A voceira do PP na Deputación de Lugo, Elena Candia, censurou hoxe que tan só 188 dos 5.165 parados da comarca da Mariña poderán participar na selección do Plan de Emprego da Deputación de Lugo. Polo tanto, menos do 4% do total de desempregados deste municipios terán a posibilidade de aspirar a ter un posto de traballo a través desta oferta.
Esta exclusión directa de máis do 96% dos parados é froito dunhas bases que “non se rexen por criterios obxectivos e que non optimizan os fondos públicos de todos os lucenses”. O Grupo Provincial do Partido Popular reivindica a igualdade de dereito de oportunidades entre os parados dos diferentes municipios e esixe un plan que non discrimine aos desempregados froito duns criterios cos que se procura, meramente, obter “beneficios persoais e políticos”.
Análise por municipios
Neste senso, a popular xa matizara que só dous dos 15 concellos que integran a comarca, están integrados neste plan; o que evidencia un proxecto “discriminatorio” que crea concellos de primeira e de segunda sen guiarse por criterios “lóxicos”. Tanto é así que existen municipios excluídos cunha maior porcentaxe de parados respecto ás dúas localidades que si poderán participar deste plan público de emprego.