Partido Popular de Lugo

O Grupo Municipal Popular censura a actitude autoritaria do alcalde no último pleno municipal

O Valadouro, 12 de novembro de 2013.- O Grupo Municipal do Partido Popular do Valadouro censurou hoxe a actitude autoritaria do alcalde no último pleno, tras impoñer este a “inxusta, desproporcionada e inaceptable” expulsión do portavoz popular, Jose Manuel Lamela, “precedida ademais dun xesto violento do rexedor, que deu un puñetazo na mesa”, e acordando a expulsión sen ter realizado ningunha advertencia previa, nin chamamento á orde.

Os populares atribúen esta decisión ao nerviosismo crecente do rexedor socialista, Edmundo Masesa, incapaz de aceptar o papel de control e oposición que lle corresponde ao Partido Popular e ao intento de gañar certo protagonismo tras ser eclipsado tanto polo PP, como polos seus socios de goberno. Neste senso aconsellan ao rexedor socialista que traballe máis polo concello e que asuma que en democracia hai que ter respecto, canto menos institucional, ao PP, o partido máis votado polos veciños do Valadouro, que ten dereito a participar nos plenos con voz e voto, permitindo certo debate.

PROPOSTA SEN CONSENSO PREVIO

Por outra banda, os populares tamén quixeron aclarar que ningún representante do Goberno tripartito local contactou co Grupo Popular para consensuar o nomeamento como fillo predilecto de Miro Casabella, pese a que, o regulamento vixente, establece que era preciso o voto do PP para adoptar esta decisión (é preciso contar cunha maioría cualificada de dous terzos).

Os populares lamentan que a concelleira de Udival, promotora desta iniciativa, nin tan sequera fora quen de informarlles previamente desta proposta e lembra que, cando no pasado suscitouse un nomeamento destas características foi consensuado entre o Goberno local e as forzas políticas da oposición, antes de levalo ao pleno.

Desde o PP cualifican de torpeza e incompetencia o proceder da concelleira de Udival, María José Suarez, quen como mínimo debera ter realizado unha consulta previa antes de realizar a proposta de nomeamento en pleno e sinalan que debera pedir desculpas pola súa incompetencia a quen puido ter expectativas de ser homenaxeado.

O Grupo Municipal Popular respecta, non discute e valora a profesionalidade de Miro Casabella aínda que entende que non procede este nomeamento, fallido tanto nas formas como no fondo, razón pola que decidiron e decidirán absterse na votación.