Partido Popular de Lugo

GARCÍA PACÍN AFIRMA QUE XUNTA E PPDEG “SOMOS OS MÁXIMOS INTERESADOS EN CLAREXAR E ATOPAR AS CAUSAS” DO FRACASO DE ALIMENTOS LÁCTEOS

Santiago, 12 de novembro de 2013.- A portavoz de Medio Rural do Grupo Popular, Isabel García Pacín, afirmou hoxe no Parlamento que a Xunta de Galicia e o PPdeG “somos os máximos interesados en clarexar e atopar as causas” da situación vivida pola cooperativa Alimentos Lácteos e demandou á oposición que “non continúen manipulando e interpretando medias verdades para sacar rendementos políticos, que non queren beneficiar aos gandeiros e aos propios traballadores”.

García Pacín acusou aos grupos da oposición de “cuestionar e criticar todos os pasos dados e as decisións adoptadas” pola Xunta de Galicia respecto a Alimentos Lácteos, unha situación que considerou “moi grave tendo en conta os gandeiros e os propietarios da factoría afectados”.

PROXECTO DEMANDADO

Neste sentido, recordou que “se nos acusou de favorecer a un proxecto sen suficiente produción, cando era unha iniciativa aberta a outras cooperativas; e tamén se dixo que se favorecían intereses políticos, cando os concellos nos que se asentan as cooperativas que participaron nesta iniciativa estaban en mans de distintos partidos”.

“A Xunta fixo canto estivo na súa man por favorecer o bo camiño da empresa e quen non tivo coherencia foron os grupos da oposición”, lamentou a portavoz popular, quen lembrou que “na pasada lexislatura demandaban investimentos e máis fondos públicos, e agora preguntan por que os axudamos”. Por este motivo, García Pacín reiterou que “non nos cansaremos de afirmar que desde todas as entidades políticas apoiamos un proxecto demandado polo sector gandeiro e que precisaba de respaldo económico e social, do mesmo xeito que fixemos con outras empresas como Clesa”.

Para rematar, Isabel García afirmou que os grupos da oposición “teiman en dicir que a Xunta é a responsable da xestión, cando estamos a falar de proxectos empresariais privados que eran viables e os responsables do seu fracaso son os seus administradores”. Así, apuntou que “Xesgalicia xa demandou información e documentación, velando non só polos investimentos realizados senón pola súa execución”. Tamén se vai personar na peza de cualificación.