Partido Popular de Lugo

BALSEIRO: “A XUNTA INVESTIU MÁIS DE 656.000 EUROS NA CONTRATACIÓN DE 156 DESEMPREGADOS DE TODOS OS CONCELLOS DA MARIÑA A TRAVÉS DOS PLANS DE COOPERACIÓN”

A Mariña, 11 de novembro de 2013.- O deputado do Grupo Popular e secretario da Mesa do Parlamento galego, Jose Manuel Balseiro salientou hoxe que a Xunta vén de investir –o ano en curso- máis de 656.000 euros na contratación de 156 persoas desempregadas de todos os concellos da Mariña lucense a través dos denominados programas de cooperación.

O parlamentario lembrou que con estas axudas da Xunta a administración autonómica sufraga o cen por cen dos custes salariais  e de seguridade social das persoas contratadas e son os concellos os que autonomamente propoñen e realizan os contratos. Ademais con estes apoios os municipios poden ofertar distintos servizos de interese público que doutro xeito non poderán asumir con recursos propios.

NINGÚN CONCELLO EXCLUÍDO

Balseiro salientou que, a diferenza dos programas postos en marcha por outras administracións, ningún concello queda excluído destas axudas e polo tanto todas as persoas que estean inscritas no paro na Mariña lucense poden ser potencias beneficiarios dos plans de cooperación da Xunta.

IGUALDADE DE OPORTUNIDADES

O parlamentario puxo en valor este feito destacando que a Xunta non establece diferenzas entre parados segundo o concello no que residen, xa que participan todos os municipios, á vez que garante a igualdade de oportunidades entre as persoas que se atopan sen emprego, que poderían ser contratadas a través deste plan.

Algunhas das contratacións que se subvencionan están destinadas á incorporación laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero, que teñen prioridade absoluta para acceder aos postos de traballo xerados mediante os Programas de Cooperación.

REFORZO ÁS BRIGADAS MUNICIPAIS

Moitos concellos dependen destas axudas para engrosar as brigadas dedicadas ao acondicionamento ou mellora de espazos e bens públicos, que atenden a tarefas que van dende a limpeza de edificios e rúas ata o coidado de áreas fluviais e recreativas ou o desbroce de pistas e camiños. Tamén destinan un bo número destes contratos a atender servizos relacionados co socorrismo, ocio, a cultura ou o turismo.