Santiago, 7 de novembro de 2013.- O Grupo Popular lamentou que o BNG rexeitara aprobar esta tarde no Parlamento unha emenda do PP a unha proposición non de lei a través da que se instaba á Xunta a que na modificación do Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia 2010-2020 que está levando a cabo se incremente a capacidade de compostaxe e reciclaxe de residuos en Galicia, valorizando enerxeticamente unicamente aqueles residuos que non poidan ser compostados ou reciclados, acadando a máxima eficiencia e minimizando a necesidade de vertido final, de acordo cos parámetros esixidos pola Directiva Europea de residuos.
O portavoz do Grupo Popular en materia de medio ambiente, Daniel Varela, salientou “o feito de que por primeira vez o BNG non fala nunha proposición de lei no Parlamento de pechar Sogama, en consonancia co que facían cando tiñas responsabilidades de Goberno na Xunta de Galicia, xa que mantiveron esta planta de tratamento de residuos”.
ESFORZO PARA ACORDO
“Partindo desde feito, dende o Grupo Popular fixemos un esforzo por acadar un acordo acorde co traballo que se está levando a cabo desde a Xunta de Galicia estudando todas as alternativas para a xestión dos residuos urbanos en Galicia”, dixo Daniel Varela.
Neste sentido, o portavoz popular lamentou que finalmente o BNG preferira manter a súa proposta inicial rexeitando o acordo do PP, na que solicitaba á Xunta eliminar a previsión de construír unha nova incineradora de residuos urbanos en Galicia, e rexeitou aceptar a emenda do Grupo Popular, a través da que se instaba a incrementar a capacidade de compostaxe e reciclaxe de residuos, valorizando enerxeticamente unicamente aqueles residuos que non poidan ser compostados ou reciclados.