Chantada, 07 de novembro de 2013.- O presidente do PP de Chantada, Javier Medela, puxo en valor as medidas que está a levar a cabo a Xunta de Galicia no tocante á educación e salientou a selección do Centro Educativo chantadino IES Val do Asma para implantar plans de formación permanente do seu profesorado.
Javier Medela destacou que entre os plans poden incluírse varias liñas de actuación, tales coma: a programación, desenvolvemento e avaliación de competencias básicas, facendo especial fincapé no tratamento das linguas, tanto propias como estranxeiras; a integración didáctica das TIC, e no uso para o traballo cooperativo en rede a través de espazos virtuais; a mellora da xestión dos centros e dos procesos de calidade; a convivencia escolar e clima da aula; a atención á diversidade e cambios metodolóxicos asociados; as accións encamiñadas a mellorar o desempeño profesional docente e a actualización científica e didáctica do profesorado ou a xestión directiva dos centros.
Afirmou o popular que gracias a esta selección, o IES Val do Asma poderá desenvolver ao longo deste curso diferentes plans adaptados ás súas necesidades cuxo obxectivo é contribuír á actualización e ao perfeccionamento das competencias profesionais do profesorado para a mellora da calidade da educación e dos resultados escolares.