Partido Popular de Lugo

Pilar Varela: “O alcalde segue a mentir aos veciños ao falar de residencia”

Monterroso, 06 de novembro de 2013.- O Partido Popular de Monterroso a través da súa portavoz, Pilar Varela, esixiu a Antonio Gato Soengas que deixe de enganar aos veciños falando da apertura dunha residencia xeriátrica na localidade cando foi el mesmo quen renunciou a esta posibilidade e solicitou o cambio de tipoloxía do centro para convertelo nunha vivenda comuniataria.

MENOS SERVIZOS

Os populares lembran que esta modificación de categoría “non é menor e ten importantes consecuencias” entre as que, explicaron, estaría “a perda de moitos servizos que nunha residencia poderían prestarse aos usuarios do mesmo”.

Así por exemplo Pilar Varela explicou que a vivenda comunitaria, a diferenza da residencia, non ten servizos de atención xeriátrica e de enfermería, ademais de asistencia sanitaria integral a todos os residentes. Ademais o centro non poderá albergar a persoas con problemas de mobilidade; xa que a vivenda comunitaria só está dirixida a persoas autónomas e dependentes moderados de grado I; mentres que poden ser usuarios das residencias dependentes de todos os grados.

As residencias de maiores contan con persoal de atención directa (xerocultor e sanitario); así como coa presenza localizada de médico, ATS ou DUE durante as 24 horas. As vivendas comunitarias non dispoñen deste persoal”- aclaran desde o PP.

Todas as residencias  deben contar coas seguintes áreas diferenciadas: dirección-administración; residencial; servizos xerais e atención especializada. Pola contra, ás vivendas comunitarias esíxelles unicamente unha sala de estar, dous servizos hixiénicos, ademais das habitacións.

Pilar Varela dixo que a xestión incompetente do alcalde, privou aos veciños dunha serie de servizos de vital necesidade e lembra que a non autorización da Xunta debeuse ao incumprimento dos requisitos técnicos de habitabilidade, accesibilidade e seguridade que por lei deben cumprir as residencias para a atencións as persoas maiores. Os populares insisten en que Gato Soengas, pese a ser advertido das deficiencias detectadas pola Inspección de Servizos Sociais, non quixo corrixilas.

PURO TEATRO

Pilar Varela cualifica a xornada de portas abertas como “puro teatro”, unha acción destinada “a enganar aos veciños e agochar un dato certo: que o concello promoveu unhas obras que non cumpren os requisitos mínimos para ser considerada como residencia e, polo tanto, que priva aos veciños duns servizos que desde o concello se lle prometeron”.