Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR SOLICITA Á XUNTA APOIO E ASESORAMENTO TÉCNICO AOS PROMOTORES DA CANDIDATURA DA RIBEIRA SACRA COMO PATRIMONIO DA HUMANIDADE

Santiago, 31 de outubro de 2013.- O Grupo Popular presentou unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta de Galicia a prestar todo o seu apoio e asesoramento técnico aos promotores da candidatura para declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, así como para a posterior presentación da mesma ante os organismos e entidades competentes para que procedan ao seu análise e, no seu caso, á súa aprobación e declaración.

Na exposición de motivos desta iniciativa, o Grupo Popular recorda que a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade “non e unha iniciativa nova, xa que, como consecuencia dos traballos efectuados nos anos  90 pola Xunta de Galicia, baixo a presidencia de Manuel Fraga, esta proposta xa figura na listaxe indicativa como documento previo desde 1996, circunstancia que non é menor dado que un país non pode nominar un sitio que non estea na lista provisional”.

A Ribeira Sacra é un espazo situado entre o sur da provincia de Lugo e o norte da provincia de Ourense que comparte, ademais dunha fermosa paisaxe, cun importante patrimonio histórico e cultural digno da máxima protección.