Partido Popular de Lugo

O PP lamenta que o alcalde faga do Concello o seu “casarío particular”

Rábade, 28 de outubro de 2013.- A portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular de Rábade, Maria Luísa Macía lamenta que o alcalde faga do Concello o seu “casarío particular” e ínstalle a rectificar o que define como “comportamentos ditatoriais”.

Macía describe entre outras a decisión da alcaldía de restrinxir a unha soa consulta ao ano o acceso a rexistro municipal –peza básica que os grupos da oposición teñen para controlar a xestión do goberno local-, así como a censura nos plenos municipais do debate dos puntos propostos polo PP ou os continuos obstáculos que a Alcaldía “inventa” para negar ou atrasar o acceso á información e documentación.

OBRIGADO A DIALOGAR

“Fernández Montes goberna en minoría e nesta condición o alcalde ten a obriga de dialogar coas forzas políticas da oposición e non agochar a súa situación de debilidade política comportándose como un dictador”-asegura Macía.

Os populares consideran que Fernández Montes non pode ampararse en subterfuxios legais e interpretacións sesgadas e restritivas da normativa para seguir agochando a súa xestión e se preguntan, visto o reiterado deste comportamento, “que será o que ten que ocultar para actuar con tanto escurantismo”.

Insisten desde o Grupo Popular que o alcalde de Rábade non ten lexitimidade para negar aos veciños, e aos concelleiros que os propios veciños votaron, as explicacións que lle demandan desde os grupos municipais da oposición.