Riotorto, 29 de outubro de 2013.- O Grupo Municipal do Partido Popular ve ao alcalde de Riotorto, o nacionalista Federico Gutiérrez Estoa, “inhabilitado para liderar nada, ningún proxecto, cando é incapaz de conseguir unha residencia para os seus veciños”.
Os populares lamentan que o rexedor estea máis preocupado por facer cousas fóra do municipio, e gañar relevancia mediática, que por esixir á Deputación que constrúa na súa localidade o centro residencial que tiña comprometido.
DISIMULAR A FALTA DE PESO POLÍTICO
Segundo o GMP as manobras do alcalde buscan disimular a súa falta de peso político e a súa incapacidade para influír no seu propio partido -o BNG- cuxa consigna foi eliminar a residencia de Riotorto para facela en Ribadeo.
Os populares lembran que o propio alcalde acordou renunciar a esta infraestrutura de benestar que ofrecería un servizo moi necesario para os veciños de maior idade, ademais de supoñer un investimento relevante e a creación de novos postos de traballo. Atribúen esta renuncia a intereses partidistas a unha falta de diálogo cos seus propios veciños que demandan esta infraestrutura
PARÓN NA XESTIÓN MUNICIPAL
A renuncia da residencia non é máis que un síntoma “dun mal moito maior” pois os populares sinalan que existe “un parón total” na xestión dos intereses municipais que “non son prioritarios para o rexedor, obsesionado exclusivamente en escalar posición dentro do BNG”
«Nestes últimos anos non se puxo en marcha ningunha iniciativa relevante, nin na área deportiva, cultural ou de benestar», indican os populares.
Desde o Grupo Municipal Popular rematan lembrando que Gutiérrez Estoa manipula e retorce a realidade sobre a dispensación dos medicamentos nas farmacias a “cuxa estratexia de confusión dedica moito tempo”, pero en cambio “é incapaz de preocuparse en explicar por que o Goberno local non ten capacidade de iniciativa para asuntos municipais ou para facer realidade a residencia prometida”.