Rábade, 28 de outubro de 2013.- Unha vez máis a intransixencia do alcalde, Francisco Xosé Fernández Montes, converte a Rábade nun concello en “Estado de excepción” onde os Grupos Municipais da oposición ven pisoteados os seus dereitos de participación democrática e non poden nin debater nin votar as propostas de interese municipal que presentan.
A portavoz popular, Maria Luisa Macía denunciou, de novo hoxe, que o alcalde volveu a impedir e debate e votación das mocións do Grupo Popular que formaban parte do único punto da orde do día dun pleno extaordinario que tivo lugar esta mañá. Fernández Montes non quere que os Grupos Municipais poidan obrigar á alcaldía a poñer en marcha un plan de emprego, nin tampouco outorgar unha axuda á asociación Músico Crisanto.
O ALCALDE NON QUERE PERDER A VOTACIÓN
Macía está convencida que todas estas manobras do alcalde están dirixidas a evitar perder unha votación que lle levaría a adoptar estas dúas decisións obxectivamente positivas para os veciños de Rábade. A primeira delas porque suporía a implicación do concello –como xa están a facer noutros municipios- na procura de apoios para aqueles que se atopen no paro, a segunda, porque suporía colaborar coa principal asociación cultural, banda de música e promotora de outras actividades musicais no municipio.
Os populares din que os veciños de Rábade non teñen a culpa de que o Goberno local estea en minoría e que esta debilidade do alcalde non dá pé para restrixir o xogo democrático da oposición cuxo papel ademais de control da xestión municipal está na capacidade de impulsar iniciativas como as dúas propostas en beneficio dos veciños
OS DEREITOS DA OPOSICIÓN EN SUSPENSO
Macía explica que Rábade está nunha situación de “Estado de excepción” porque o alcalde decidiu suspender os dereitos dos concelleiros da oposición e valéndose dunha interpretación sesgada da lei convértese no único concello do conxunto da provincia, e moi probablemente de Galicia no que os grupos da oposición non poden votar as súas propostas ou –como aconteceu hoxe- nin como mínimo posicionarse, xa que o alcalde negou a palabra ao concelleiros do PSOE.
A portavoz popular dixo que, coa convocatoria deste pleno extraordinario deron ao alcalde a oportunidade de rectificar e que, posto que non o ten feito, agora se verán obrigados a adoptar decisións moito máis contundentes. De feito os servizos xurídicos do PPdeLugo estudan a probable impugnación das decisións antidemocráticas do alcalde tanto pola vía contencioso administrativa como pola vía penal.
Desde o Partido Popular finalizan lembrando a que esta estratexia de xerar obstáculos á participación e debate democrático hai que engadir outros atropelos como a negativa de acceso periódico ao rexistro municipal que dan mostra dunha xestión escurantista e ditatorial do rexedor que moi probablemente ten algo que ocultar.