Partido Popular de Lugo

BALSEIRO LEMBRA QUE NO PARTIDO POPULAR FORON OS PRIMEIROS INTERESADOS EN SOLICITAR UN AUMENTO DE COTA DA PESCADA ENTRE OS RECELOS DA OPOSICIÓN

A Mariña,  26 de outubro de 2013.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro quixo lembrar a PSOE e ao BNG que desde o Partido Popular foron os primeiros interesados en reclamar un aumento de cota da pescada do norte e fixérono xa fai tempo, a pesar da falta de apoio e dos recelos da oposición que entendían que esta petición non era necesaria e xa estaba resolta.

Os populares consideran que PSOE e BNG parecen enterarse agora de que a flota da pescada necesita apoio e descoñecen e non valoran todo o  traballo realizado polas administracións e polo sector para facerse escoitar en Europa e que se autorice o incremento das posibilidades de pesca desta especie, xa no ano en curso -o que non ten precedentes en España- tras terse constatado cientificamente a abundancia deste recurso nos caladoiros de Gran Sol.

No Partido Popular insisten en lembrar que a autorización de incremento de cota non dependen nin da Xunta, nin do Goberno central “que xa fixeron os seus deberes” senón que é unha decisión da Comisión Europea fronte á que administracións e sector seguirán presionando, para que acorden definitivamente este aumento máis pronto que tarde.

LIDERANDO AS INICIATIVAS EN APOIO DA FLOTA

Os populares lembran que xa o pasado mes de xullo o ministro Arias Cañete solicitaba formalmente ante o Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea o incremento das posibilidades de pesca, unha demanda que volveron a realizar neste mes de outubro e que se materializou na proposta forma da Comisión Europea de incremento do 27% no TAC e cota de 2013.

Os populares traen a colación tamén que o Parlamento de Galicia aprobaba, o pasado mes de setembro, unha proposición non de lei do Grupo Popular na que precisamente se facían eco desta reivindicación. Daquela os partidos da oposición dicían que non facía falta realizar esta solicitude porque xa estaba todo resolto, algo que se demostra non é así e que, son necesarios este tipo de apoios institucionais para que Bruxelas escoite ás necesidades da flota

CRÍTICAS DEMAGÓXICAS

Os populares  lamentan que PSOE e BNG nun comportamento oportunista lancen críticas agora e empreguen a demagoxia contra o Partido Popular pero que, chegado o momento de defender á flota, non estean á altura. De feito lembran que os amarres de flota como consecuencia do esgotamento da cota tamén acontecía co bipartito pero daquela nin tan sequera eran capaces de formular peticións a Europa para que seguira deixando pescar. Tampouco están a altura cando votan en contra no Parlamento de iniciativas obxectivamente positivas para o sector pesqueiro como a flexibilización na prohibición dos descartes, a supresión do principio de estabilidade relativa ou cambio da normativa sobre tripulacións mínimas.