Partido Popular de Lugo

OS DEPUTADOS POPULARES PREGUNTAN AO PSOE DA MARIÑA SE ESTÁN A FAVOR DE PARALIZAR OS PRINCIPAIS INVESTIMENTOS DA XUNTA NA COMARCA COMO PIDE A DEPUTACIÓN DE LUGO

Santiago, 24 de novembro de 2013.- Os deputados do Grupo Parlamentario Popular Jose Manuel Balseiro e Vidal Martínez-Sierra preguntaron hoxe se os socialistas da Mariña están a favor de paralizar os principais investimentos da Xunta na nosa comarca.

A pregunta xurde despois de que o Goberno da Deputación de Lugo, conformado por PSOE e BNG, anunciase onte que ten previsto solicitar a retirada e rexeitamento dos orzamentos da Xunta para 2014 o que suporía frear os importantes investimentos que as contas autonómicas contemplan para a nosa comarca.

Os populares queren saber se o PSOE é favorable a que se paralicen obras da importancia do acceso ao porto de Burela, a ampliación do Hospital da Costa, o tramo autonómico da vía de alta capacidade da Costa –corredor-, a residencia de Foz ou o emisario de Ribadeo, entre outras actuacións, todas elas con consignación orzamentaria expresa nas contas do Goberno galego para o ano próximo.

CON BESTEIRO CHEGOU A DESCORDINACIÓN

Para os deputados populares no PSOE da comarca están moi descordinados cos seus compañeiros na Deputación ata o punto de que chegan a pedir en Lugo unha cousa contraria ao que demandan na Mariña. Atribúen esta situación tan confusa á chegada de Besteiro á secretaria xeral socialista e lembran que este tipo de cousas non acontecían cando o seu xefe de filas era Pachi Vazquez.

Os populares din que o PSOE non pode pedir en Lugo que se retiren os orzamentos e se incrementen as partidas en materia de gasto social e emprego sen explicar que partidas reducirían e insisten en que de facelo, baleirarían de orzamento das principais infraestruturas e obras previstas para o ano próximo na comarca e no conxunto da provincia.

O DOBRE DE INVESTIMENTO QUE EN 2009

Balseiro e Martínez-Sierra lembran, en todo caso, que en 2014 o gasto social será dez puntos superior ao previsto en 2009 polo bipartito, e que 8 de cada 10 euros do orzamento para o ano próximo están destinados a sanidade, educación e benestar, unha cifra histórica.

Finalmente os deputados populares amosan a súa perplexidade ante as críticas do PSOE tendo en conta que en 2014 o investimento da Xunta na provincia é o dobre do que prevía o bipartito no seu último orzamento. Así mentres que o ano próximo a Xunta popular achegará 728 euros por lucense, en 2009, co bipartito na Xunta esta cifra era da metade: 374 euros. Un esforzo inversor moito maior dos populares pese a que en 2009 o orzamento total da Xunta era 10.581M€ mentres que agora este é de 8.391M€.