Partido Popular de Lugo

O PPdeLugo asegura que García Porto “non debe falar desta provincia” cando crítica sen fundamento os orzamentos da Xunta

Lugo, 25 de outubro de 2013.- O secretario xeral do Partido Popular de Lugo, Jose Manuel Balseiro, considera que a deputada provincial de Economía, Pilar García Porto, “non debe falar da provincia de Lugo” tras constatar as súas críticas infundadas aos orzamentos da Xunta para 2014.

Os populares emprazan ao bipartito provincial, que ten anunciado a súa intención de presentar unha moción rexeitando estes orzamentos, a que expliquen en contra de que obras e investimentos están: Se é contra do novo auditorio de Lugo (8,13M€), do corredor Sarria-Monforte 7,97M€), do Plan Paradia (2,8M€) da conexión no porto seco de Monforte (3,5M€) ou da residencia de Paradela (600.000€) ou en Foz, encontra da ampliación do Hospital da Costa ou do acceso ao porto de Burela, … e así un longo etcétera.

HEMODINÁMICA

Balseiro asegura ademais que García Porto “fala sen ningún rigor, mesturando datos ou incluso inventándoos”, como cando asegura que Feijóo deixa aos lucenses sen hemodinámica, algo que é rotundamente falso. “De terse molestando en facer unha simple comprobación, sabería que as máquinas de hemodinámica xa están no Hula, onde xa se está instalando a sala que recibirá aos seus primeiros pacientes a finais do mes próximo”.

Pero non só erra García Porto cando fala sobre a hemodinámica senón tamén cando asegura que o proxecto de ampliación do Hospital da Costa non ten consignación orzamentaria pese a que dispón de 190.000 euros previstos precisamente para este concepto, un dato confirmado desde o SERGAS.

INCOMPARABLE

O dirixente popular volve a insistir tamén que as contas autonómicas do bipartito en 2009 non resisten a comparación coas actuais, xa que o investimento previsto polo actual Goberno galego na nosa provincia duplica o que recollían os últimos orzamentos da Xunta elaborados por PSOE e BNG. Datos que, como mínimo, deberan avergoñar a García Porto que milita no partido que maior castigo fixo nunca á provincia de Lugo.

Neste senso lembra que os 374 euros por lucense previstos pola Xunta bipartita en 2009 son a metade dos 728 euros por lucense que o actual Goberno galego prevé investir na provincia en 2014. Un esforzo inversor moito maior dos populares pese a que en 2009 o orzamento total da Xunta era 10.581M€ mentres que agora este é de 8.391M€

LECCIÓNS AS MÍNIMAS

Jose Manuel Balseiro lembroulle finalmente a García Porto que as contas autonómicas para 2014 son as máis sociais da nosa historia, tras destinar 8 de cada 10 euros a sanidade, educación e benestar. Son 10 puntos máis que en 2009, e inclúe un aumento das partidas máis sensibles como a do RISGA, dependencia, emerxencia social ou unha rebaixa fiscal máis xusta do IRPF.

Insisten desde o Partido Popular que precisamente o bipartito provincial non pode dar leccións en materia social nin de emprego, tendo en conta que a Deputación de Lugo é a única de Galicia que se está a negar a colaborar cos concellos no financiamento do servizo básico de axuda no fogar ou a única tamén que vota repetidamente en contra da posta en marcha de novos plans de emprego, que si están impulsando noutras Deputacións galegas.