Partido Popular de Lugo

Balseiro e Martínez-Sierra salientan o investimento de 26,6 millóns de euros para a posta en marcha do parque eólico de Airas entre os concellos de Mondoñedo e Alfoz

Santiago, 16 de outubro de 2013.- Os deputados do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro e Vidal Martínez-Sierra, veñen de amosar a súa satisfacción despois de que a Xunta acordase someter a información pública a autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución do parque eólico de Airas, entre os concellos de Mondoñedo e Alfoz.

CARACTERÍSTICAS TÉCNICAS

Os parlamentarios sinalan que esta actuación dispón dun orzamento de 26.225.394,10 euros que se investirán nesta localidade co obxectivo de xerar unha produción neta estimada de 73.102 MWh cada ano.

Desde o punto de vista técnico o futuro parque disporá de seis aeroxeradores con 65 m de altura da buxa e 58 m de diámetro de rotor, seis centros de transformación, unha torre meteorolóxica equipada con anemómetros, viraventos, sensores de temperatura, humidade, presión e rexistrador de datos, e implicará a instalación de liñas eléctricas subterráneas, unha subestación transformadora 20/132 kV e novos camiños ou vías para o acceso aos aeroxeradores. As instalacións do parque eólico Airas tamén incluirán un edificio de control de 140 m2 en planta baixa, no cal se situarán, entre outros, as celas de liña, de protección e de medida.

UN SÓ TRÁMITE

Nun só trámite o Goberno galego somete a información pública o proxecto de execución das instalación descritas para os efectos da súa autorización administrativa, aprobación e declaración de incidencia supramunicipal, o estudo de impacto ambiental e a relación de propietarios dos predios e demais titulares de bens e dereitos afectados pola súa execución.

CANON EÓLICO

Os parlamentarios sinalan finalmente que, ao investimento de 26 millóns de euros hai que sumar o feito de que, unha vez posto en marcha, posibilitará a recadación estimada de máis de 73.125 euros anuais en concepto de canon eólico, o que repercute directamente no conxunto dos veciños dos concellos de Alfoz e Mondoñedo.

Os parlamentarios lembran que precisamente no día de onte o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo sinalou a importancia que para Galicia teñen as enerxías renovables, tanto desde o punto de vista da posibilidade real real de crecemento económico e xeración de novas oportunidades de emprego, pero tamén como aposta por amosar unha Galicia comprometida dun xeito respectuoso co seu patrimonio natural.

Desde esa dobre perspectiva, o titular do Goberno galego anunciou que a Xunta vai reforzar o desenvolvemento das enerxías renovables con rebaixas de impostos e bonificacións tanto no ámbito eólico como no da biomasa.