Partido Popular de Lugo

Informes que constan no expediente da obra do Corgo demostran as mentiras de Manuel Martínez

Lugo, 15 de outubro de 2013.- O Grupo Provincial do Partido Popular refírese de novo a informes que constan no expediente da obra do termo municipal do Corgo, que vai de San Cristobal, por Adai a LU-106, para demostrar “as mentiras reiteradas do deputado provincial responsable da área de Vías e Obras, Manuel Martínez” coas que pretende xustificar a rescisión dunha obra xa contratada e adxudicada e de gran demanda por parte dos veciños.

Os populares explican que existe un informe de intervención de data 16 de febreiro de 2007, no que se recolle que existe dispoñibilidade orzamentaria suficiente para facerlle fronte á citada obra, por un importe de 1.100.000 euros (achégaselle copia).

Desta maneira, dende o Grupo Provincial Popular reinciden en que unha vez máis os papeis permiten demostrar que o goberno da Deputación de Lugo está a faltar á verdade, e que José Ramón Gómez Besteiro recibiu unha administración saneada, cun proxecto que, segundo lamentan dende o PP, axudou a rescindir un edil do Corgo, Mario Outeiro.

“Falta de seriedade e pouca palabra”

A maiores, os populares aseguran que a “falta de seriedade e a pouca palabra” marcan o goberno de José Ramón Gómez Besteiro e do seu responsable de obras, Manuel Martínez, que se desdí dun escrito fechado no 2011 e no que prevía a realización desta obra. (Achégase escrito)

En concreto, dende o GPP explican que nun escrito remitido ao Servizo de Contratación e Fomento, con data 18 de outubro de 2011, Manuel Martínez manifesta o seu compromiso a realizar esta obra. Mentres, en xullo de 2013, o mesmo delegado en relación á citada infraestrutura asegura que “non está prevista a súa realización polo que procedería a tramitación da devolución da fianza e rescisións de contratos asinados”.

Polo tanto, os populares manifestan estar ante un goberno provincial que “amosa pouca palabra”, que se “compromete a executar obras” que logo “rescinde unha vez adxudicadas e contratadas” e que, a maiores, “tenta agochar a súa mala xestión tras mentiras que desbotan os papeis”.

O equipo de goberno “comprometeuse a levar a cabo esta obra no 2011 e tiña diñeiro para facelo”, matizan os populares, polo que dende o GPP esixen explicacións ao respecto e lamentan esta actitude cando se está ante unha obra de “vital importancia para o municipio, dado que comunica gran parte da zona norte do Corgo, ademais de ser ter un tramo onde fai un ano perderon a vida dous veciños do municipio”.