A Mariña, 11 de outubro de 2013.- O secretario xeral do PPdeLugo e secretario do Parlamento de Galicia, Jose Manuel Balseiro instou hoxe aos socialistas mariñáns a pronunciarse sobre a decisión dos seus compañeiros do PSOE en Santiago de non apoiar a iniciativa que pedía a realización de tratamentos de quimioterapia para enfermos de cancro no Hospital da Costa.
Os populares xulgan “de incomprensible e de insensible” que os socialistas non defendan mellorar o modelo actual que obriga a enfermos e familiares a desprazarse máis dunha hora de viaxe ata a cidade de Lugo ou da Coruña para recibir estes tratamentos. Lamentan que ante unha medida obxectivamente positiva, que fai máis próxima e perfecciona a atención médica prestada a estes pacientes, o PSOE decidira deixarse levar polos seus prexuízos políticos e facer da mesma un asunto de confrontación partidista.
O Parlamento de Galicia aprobaba no día de onte, cos votos favorables dos deputados do Partido Popular e do Bloque Nacionalista Galego, a iniciativa do Grupo Popular para a posta en marcha deste novo servizo hospitalario. A maiores esta mesma petición foi acollida pola inmensa maioría dos alcaldes da comarca que incluso rexistran mocións de apoio nos distintos concellos da Mariña lucense.