Lugo, 10 de outubro de 2013.- O Partido Popular cualifica de auténticas barbaridades as declaracións do alcalde de A Fonsagrada, o socialista Argelio Fernández, nas que aseguraba que os populares “queren que a xente morra antes, para así acabar de pagar as pensións e que as contas cadren”.
Os populares esixen a inmediata rectificación do rexedor e atribúen este exceso verbal disparatado a un radicalismo indigno dun representante político e impropio de alguén que ademais, na súa condición de alcalde, representa aos cidadáns.
Segundo o PP un socialista é a persoa menos indicada para falar sobre pensións, tendo en conta que foi o seu partido –o PSOE- quen puxo en risco o sistema público de pensións e o único que, en toda a historia da democracia, as conxelou. Pola contra, aseguran, as medidas do Goberno e do PP, buscan garantir a sostenibilidade do sistema e impedir por lei que xamais se conxelen.