Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR ACUSA AOS SOCIALISTAS DE PRETENDER QUE A XUNTA ASUMA COMPETENCIAS E GASTOS QUE CORRESPONDEN AO GOBERNO CENTRAL COAS AXUDAS DOS PLANES DE VIVENDA

Santiago, 10 de outubro de 2013.- O portavoz de Vivenda do Grupo Popular, Jaime Castiñeira, acusou hoxe aos socialistas galegos de pretender que a Xunta de Galicia asuma competencias e gastos que corresponden ao Goberno central coa súa proposición non de lei, debatida hoxe na Comisión 2ª do Parlamento, na que solicita que o Goberno galego manteña a totalidade das axudas para a subsidiación de préstamos dos Plans de Vivenda estatais.

Jaime Castiñeira explicou que a proposta socialista “reivindica, en liñas xerais, unha cuestión que corresponde ao Estado como figura expresamente nos plans de vivenda, polo que debe ser o Goberno central quen abone estas axudas”. “Se o fai a Xunta, estamos beneficiando ao Estado e prexudicando a Galicia, xa que suporía destinar a este fin a práctica totalidade dos créditos dispoñibles para axudas a vivenda que na actualidade ten a Xunta”, sinalou.

DEFENDER OS INTERESES DE GALICIA

“A Xunta ten que defender os intereses de Galicia e por iso queremos que se siga instando ao Estado para que se manteñan eses dereitos. A partir de aí, se o Estado non responde, que a Xunta interveña e que axude a esa xente”, manifestou Castiñeira.

Neste sentido, o portavoz popular defendeu que a Xunta de Galicia se dirixa ao Goberno do Estado para demandar a reposición da prórroga para a subsidiación de préstamos hipotecarios para todas aquelas persoas beneficiarias que cumpran os requisitos establecidos conforme ao disposto nos reais decretos que regulan os plans de vivenda 2005-2008 e 2009-2012. “De non ser así, cando menos que acceda a autorizar a prórroga naqueles casos nos que haxa constancia dunha maior necesidade, en orde a criterios económicos e de circunstancias familiares”, apuntou.

VALORACIÓN DOS AFECTADOS

Así mesmo, a emenda presentada polo Grupo Popular e que non foi aceptada polos socialistas galegos engade que, no caso de que o Estado non asuma esas axudas, a Xunta de Galicia faga unha valoración do número de persoas acollidas ás subsidiacións hipotecarias dos anteriores plans de vivenda na Comunidade galega.

O obxectivo é que se determine a situación das familias máis desfavorecidas afectadas por esa medida e, de ser o caso, articular medidas alternativas desde o ámbito autonómico que axuden a mitigar os efectos naqueles casos con maiores dificultades económicas e con especiais circunstancias familiares.