Lugo, 09 de outubro de 2013.- O Partido Popular iniciará unha campaña informativa durante a que, a través de documentación obxectiva, mostrará cal é a verdade sobre a residencia de Monterroso e, polo tanto, explicará con datos os motivos que están a provocar que os veciños se queden sen un centro para persoas maiores e dependentes froito dos erros da xestión do alcalde local, Antonio Gato.
Os populares non permitirán que o socialista culpe aos demais dos erros da súa propia xestión, que provocaron que as instalacións construídas non cumpran os requisitos de accesibilidade e seguridade esixidos pola normativa vixente para ter a categoría de residencia, onde albergar dependentes.
O socialista é o único responsable desta situación, e non “ten sentido que se escude en mentiras, nin botando balóns fóra, cando anunciou xa en 2010 que a residencia albergaría tamén a dependentes e estando xa en virgo a normativa que regula estes requisitos”.
O alcalde non pode alegar descoñecemento e ignorancia nas normas, xa que as obras empezaron no 2010 e a normativa que regula as condicións e requisitos específicos que deben de cumprir este tipo de centros recóllese no decreto do ano 1995, (decretos 243/1995), desenvolvido en ordes do 1996, 2007 e 2010.
Boletín informativo
O boletín que repartirán os populares nas distintas vivendas de Monterroso confirma a través de documentación as contradicións postas de manifesto por Antonio Gato, que o 24 de xullo de 2013 firma un escrito no que desiste de miniresidencia da terceira idade, e autoriza o inicio de actividades para vivenda comunitaria.
Os populares explican no seu díptico que os socialistas anunciaran a residencia o 6 de agosto de 2010, cando Gato dixera que “a nova residencia de Monterroso contará, nunha primeira fase, con 16 prazas, que poderán ser ocupadas tanto por persoas válidas como por dependentes”.
Unha afirmación que o socialista reiterou o 8 de novembro de 2012, cando explicou que “non só se admitirán residentes válidos, senón que tamén poderán optar a algunhas das 26 prazas dispoñibles persoas cuxa dependencia estea catalogada como leve ou moderada”.
Pola contra, o 2 de outubro de 2013, como intento de xustificar o seu erro ante o incumprimento da normativa en canto ás instalacións do centro; Antonio Gato asegurou que “o xeriátrico se concibira dende un primeiro momento para válidos, non para asistidos”.
“O alcalde mente”, matizan os populares, para “tapar a súa xestión incompetente” que está a levar ao socialista a desistir da apertura dun centro cunha categoría de residencia e solicita autorización para abrilo con tipoloxía distinta. O PP explica que as vivendas comunitarias, coa lei na man, só están autorizadas a acoller a persoas cun importante nivel de autonomía, deixando a moitos dos futuros veciños e usuarios fóra da posibilidade de acollerse a este servizo.
O PP quere a residencia mentres Gato renuncia a ela
Os populares na súa loita de que Monterroso conte cunha residencia para maiores solicitou a celebración dun pleno extraordinario na localidade e a maiores está a levar a cabo xestións no Parlamento de Galicia.
Unha actitude activa dende a situación na que se atopan, que se contrapón a un rexedor local que se negou en pleno a executar as obras e actuacións necesarias para que as instalacións existentes na actualidade cumpran os requisitos.
Os populares lembran que entre os problemas detectados e non corrixidos están, entre outros, algúns tan graves como deficiencias nos espazos de atencións xeriátrica e de enfermería, pavimentos esvaradíos que incrementan os riscos de caídas ou superficies que non acadan a capacidade mínima requirida.
Polo tanto, o PP censura que Gato renunciara na sesión plenaria extraordinaria solicitada polos populares á creación dunha residencia para persoas maiores e dependentes na localidade de Monterroso.