Partido Popular de Lugo

O alcalde de Rábade terá que votar no Pleno Extraordinario solicitado polo PP sobre a posta en marcha dun plan de emprego e a axuda á asociación Músico Crisanto

Rábade, 9 de outubro de 2013.- O Partido Popular de Rábade non renuncia a forzar a celebración dun pleno extraordinario e monográfico no que se debata e someta á votación as iniciativas promovidas polos populares para a posta en marcha dun plan de emprego municipal e a concesión dunha axuda por importe de 10.000 euros á asociación Músico Crisanto.

A portavoz popular Maria Luisa Macía non entende a obsesión do alcalde, Francisco Fernández Montes, por impedir que o máximo órgano de representación dos veciños, o Pleno Municipal, poida debater estas propostas obxectivamente beneficiosas para o concello e pide ao rexedor que non se parapete na interpretación restritiva dun informe xurídico do secretario municipal para negarse a abordar estas cuestións.

“Non podemos comprender por que razón Fernández Montes quere facer do noso concello o máis opaco e menos democrático da provincia, limitando o debate e poñendo continuos obstáculos á participación da oposición. Se non está a favor de favorecer o emprego para os nosos veciños ou de axudar ás iniciativas culturais do municipio que dea a cara, e que se explique con argumentos técnicos e políticos,”- dixo Macía.

O ÚNICO CONCELLO NA PROVINCIA

Os populares lembran que Rábade é o único concello da provincia que non permite á oposición realizar propostas en forma de moción e tamén o único que limita o acceso da oposición ao rexistro municipal a unha soa consulta ao ano. Intúen que, se o alcalde realiza estes esforzos por evitar calquera iniciativa de impulso ou control a acción do Goberno, é porque non é capaz de defender a súa xestión.

RENUNCIA A PERCIBIR DIETAS

Maria Luisa Macía aclara que o Partido Popular mantén a súa solicitude de pleno extraordinario e, en todo caso, para evitar calquera dúbida, anuncian que todos os concelleiros populares renunciarán á percepción de calquera dieta de asistencia a esta sesión extraordinaria, porque a solicitude dun novo pleno tan só busca garantir o interese xeral dos veciños.