Partido Popular de Lugo

Antonio Gato contrario a dotar a Monterroso dunha residencia para persoas maiores

Monterroso,  5 de outubro de 2013.-  O alcalde de Monterroso, Antonio Gato, volve a negar aos veciños a posibilidade de dotar á localidade dunha residencia para persoas maiores e dependentes. Así o denuncian desde o Partido Popular logo de que o equipo de Goberno non rectificara na súa intención de renunciar a esta infraestrutura de benestar.

Os votos en contra do PSOE e BNG rexeitaron a iniciativa promovida polo Grupo Municipal Popular que, tras forzar a convocatoria dun pleno extraordinario, solicitaba que se acometeran as obras necesarias para que o centro construído deixe de incumprir a normativa técnica vixente para converterse nunha residencia.

“É a segunda vez que Antonio Gato renuncia á residencia. Primeiro desistindo da solicitude de autorización por parte da Xunta e agora negándose a corrixir as deficiencias existentes que impiden abrir ese centro coa categoría de residencia”- explico Pilar Varela

UNHA XESTIÓN PLAGADA DE ERROS

A portavoz popular foi moi crítica coa xestión desenvolvida polo alcalde nos últimos tempos e lembrou que o Concello vén destinando importantes cantidades de diñeiro público para construír unhas instalacións “que non dan a talla como residencia”.

Neste senso repasou, unha por unha, todas as deficiencias detectadas pola inspección de Benestar e sinalou que o alcalde non pode restarlles importancia a irregularidades tales como problemas de accesibilidade, carencia dos espazos mínimos en áreas como rehabilitación, nas habitacións ou incluso, incumprimentos en materia de seguridade.

Pilar Varela tamén lembrou que desde 2005 está en vigor o Decreto que regula as condicións técnicas que deben cumprir as instalacións que vaian a destinarse a residencia e, polo tanto, que o alcalde tivo tempo máis que suficiente para adaptar o proxecto a estes requisitos, “algo que no fixo, nin quere facer, porque sería recoñecer o seu erro”.

DIMISIÓN DO ALCALDE

Desde o Partido Popular volven a reclamar a dimisión de Antonio Gato polo dano que a súa mala xestión fixo ao municipio pero, sobre todo, pola súa incapacidade de rectificar nun asunto tan serio como é dotar a Monterroso dun centro cos máximos servizos para persoas maiores e dependentes.

Insisten en que non so se fixo o proxecto construtivo mal desde un principio senón que incluso pretendeuse enganar aos veciños con declaracións contraditorias -que foi repasando a portavoz popular unha tras outra- nas que anunciaba que si disporía de prazas para persoas dependentes, que sería unha residencia, que sería a primeira pública da comarca, para despois acabar renunciando á mesma.

Os populares sinalan que, pese a posición contraria do alcalde, seguirán traballando para que os veciños poidan dispoñer dunha residencia digna nun futuro.