Pol 4 de outubro de 2013. A presidenta e voceira do PP de Pol, Ángeles Lenza, resaltou esta mañá o compromiso e aposta da Xunta de Galicia cos espazos rurais e salientou os máis de 45 mil euros que achega o goberno galego para incrementar a calidade de vida das zonas rurais de Pol, contribuíndo á fixación da poboación rural e á diversificación económica.
“O executivo galego destina 45.634,42 euros a distribuír en dúas anualidades entre o ano en curso e o 2014 para mellorar e manter camiños de titularidade municipal e modernizar así os accesos e a comunicación a través da rede viaria”- manifestou Lenza, quen mostrou a súa satisfacción por esta boa nova.
A popular lembrou que estas axudas están destinadas a tarefas de mellora ou mantemento de camiños de titularidade municipal na procura de modernizar os accesos e a comunicación a través da rede viaria e están enmarcadas dentro do obxectivo dos plans de mellora de infraestructuras básicas.
Proposta do PP local
O PP local vén de rexistrar un escrito dirixido ao rexedor de Pol no que propón algunha das obras a executar ao abeiro deste Programa, dándolle así traslado ás demandas dos veciños
Entre as melloras propostas, atópanse o bacheo nas seguintes pistas: a que vai dende a casa de Brandal á pista de concentración de Belensende; á pista de Belesende; á de Fontao a Roxiña; a de Fontao a Cruzada; e ao camiño que vai do Adrado ao Saviñao.
Plan de mellora de camiños
“Estas axudas inciden, especialmente, na modernización da calidade de vida da súa poboación rural”- manifestou Lenza, quen destacou que esta situación actual de crise económica e financeira fai necesario reforzar máis a colaboración coas entidades locais en actuacións dentro do ámbito competencial de cada administración que redunden na mellor prestación de servizos por parte dos concellos.
A presidenta e voceira popular informou que o goberno galego destina unha dotación preto de 14 millóns de euros a esta actuación de mellora de camiños, que se inclúe dentro do obxectivo global dos plans de mellora das infraestructuras no medio rural, que persegue que a totalidade dos concellos galegos se beneficien da mellora das súas infraestructuras básicas, a través de axudas ás entidades locais e, máis concretamente, dos concellos de Galicia.