Monterroso, 04 de outubro de 2013.- Tras coñecer a colaboración económica da Xunta de Galicia co Concello de Monterroso para a mellora de camiños de titularidade municipal, a voceira dos populares monterrosinos, Pilar Varela, explica que o seu partido está a darlle traslado ao goberno local das demandas dos veciños que piden que se realicen acometidos nos camiños propostos.
A popular explica que tras a aprobación dos fondos por parte da administración autonómica, destinados á mellora da rede viaria municipal, é o goberno local o que debe solicitar esta achega concedida e propoñer a relación de investimentos a executar con estas axudas.
Por iso como mostra dunha actitude activa e implicada co que demandan os veciños, os populares remitiron este escrito, que agardan que sexa tido en conta polo alcalde xa que traslada as peticións dos monterrosinos.
Proposta do Partido Popular de Monterroso
As obras que poderán ser incluídas ao abeiro deste plan marco do Programa de mellora de camiños de titularidade municipal 2013-2014, son actuacións de ampliación, mellora ou mantemento de camiños de titularidade municipal.
Así, os populares propoñen a inclusión de melloras nos camiños de Vacaloura a San Miguel de Penas (2,13 quilómetros), no de Vacaloura ao límite coa parroquia de Narón (Portomarín), cunha lonxitude de 0,8 quilómetros; no de Fufín a Vilanova (1,6 quilómetros); no de Sandolfe a Arxona (1,13 quilómetros); e por último, no camiño dende Pol ata a Industrial de Monterroso (0,62 quilómetros)
Colaboración económica da Xunta de Galicia
Pilar Varela agradece a colaboración económica e implicación da Xunta de Galicia co concello de Monterroso que vén de conceder ao municipio unha contía de 59.212,50 euros dentro do Programa de mellora de camiños de titularidade municipal.
Esta contía distribuirase en dúas anualidades, cunha achega de 27.928,37 euros para a presente anualidade, e de 31.284,13 euros para o 2014; colaborando así a administración autonómica nun ámbito de especial relevancia para os monterrosinos, como é o da adecuación de pistas agrarias ou camiños rurais.
Esta actuación promovida polo Goberno galego, segundo explica a popular, insírese dentro do obxectivo global dos plans de mellora das infraestruturas no medio rural, que persegue que a totalidade dos concellos de Galicia se beneficien da mellora das súas infraestruturas básicas, e de xeito particular, daquelas que inciden na mellora da calidade de vida da súa poboación rural.