Partido Popular de Lugo

O PP pedirá a dimisión do alcalde de Monterroso tras a incompetente xestión que lle levou a renunciar á residencia e esixirán a súa rectificación

Monterroso, 3 de outubro de 2013.- O Partido Popular pedirá a dimisión do alcalde de Monterroso, Antonio Gato, despois de que a súa incompetente xestión levara a renunciar á creación dunha residencia para persoas maiores na localidade e á súa substitución por unha vivenda comunitaria.

Os populares esperan que o rexedor rectifique a súa posición actual e realice as xestións necesarias para dotar a Monterroso do centro residencial que tantas veces prometeu.  Antonio Gato decidiu desistir da autorización para a apertura desta residencia logo que a inspección de Benestar demostrase que as instalacións construídas polo Concello de Monterroso non cumpren os requisitos técnicos necesarios para este tipo de centros.

Dáse a circunstancia de que o Equipo de Goberno coñecía desde 2005 –moito antes de redactar o proxecto construtivo do centro- os requisitos técnicos, de habitabilidade, accesibilidade e seguridade que debían cumprir as instalacións para ter a categoría de residencia e, pese a iso, o centro construído acumula múltiples deficiencias

RECTIFICACIÓN

A portavoz popular, Pilar Varela, explicou que Antonio Gato ten a oportunidade de emendar os seus erros na sesión plenaria extraordinaria convocada para este sábado e que foi convocada con celeridade tras ser forzada pola solicitude dos concelleiros do Grupo Popular

Os populares someterán a votación un único punto que inclúe dúas peticións ao Equipo de Goberno socialista:

1º.- Executar as obras e actuacións que se estimen necesarias para que as instalacións existentes na actualidade cumpran os requisitos técnicos -de accesibilidade,  habitabilidade e seguridade- esixibles pola lexislación vixente para que dispoñan da autorización oportuna como residencia para persoais maiores e dependentes

2º.- Non renunciar á creación dunha residencia para persoas maiores e dependentes na localidade de Monterroso cuxo proxecto pretende ser substituído polo dun centro con tipoloxía de vivenda comunitaria.