Partido Popular de Lugo

O PP de Monterroso fai público os documentos que demostran que o alcalde falta á verdade xa que o proxecto de xeriatrico non cumpre cos requisitos técnicos para converterse en residencia

Monterroso, 2 de outubro de 2013.- O Partido Popular de Monterroso fixo público hoxe os documentos que demostran que o alcalde, Antonio Gato, mentiu novamente aos veciños cando intentou refutar os datos proporcionados polos populares en relación coa “xestión chapuceira” do Goberno local como consecuencia da cal a localidade perderá a residencia para persoas maiores e dependentes que se proxectaba, segundo explica a portavoz popular Pilar Varela.

Os populares fan pública a documentación que demostra que o proxecto de xeriátrico presentado polo Concello nun cumpre cos requisitos técnicos para converterse en residencia. Desminte así ao alcalde que no día de hoxe negaba que o centro construído non reunira estes condicionantes. Uns requisitos técnicos que lle son esixibles a calquera instalación que, como a de Monterroso, pretendera ser autorizada como residencia para persoas maiores.

Os populares tiveron acceso –a través dunha solicitude de documentación- á acta que recolle o resultado dos órganos de inspección de Benestar. Nelas, dun xeito pormemorizado analizan cada unha das condicións que debera cumprir o centro e, determina as múltiples irregularidades detectadas tanto desde o punto de vista de ausencia de condicións de habitabilidade e accesibilidade como incluso irregularidades en materia de requisitos de seguridade.

Gato pretende enganar por segunda vez aos veciños

A edil popular fai público tamén o breve escrito –asinado polo alcalde- no que, tras negarse a corrixir as deficiencias detectadas Antonio Gato acorda desistir da autorización do centro como residencia e solicitar unha nova autorización como vivenda comunitaria. Os populares insisten en que esta tipoloxía pecha a porta a que poidan beneficiarse deste servizo a todos aqueles veciños con un grado medio e alto de dependencia ou dificultades motoras.

O PP loitará por unha residencia digna

Finalmente Pilar Varela, co gallo da celebración onte do día internacional das persoas maiores, insistiu en que o Partido Popular de Monterroso seguirá loitando para que os veciños poidan dispoñer da apertura dunha residencia digna que tanto merecen