Samos 2 de outubro de 2013. Máis de 43 mil euros; concretamente 43.519,50 euros para distribuír entre este ano en curso e o 2014; é a cantidade económica que destina a Xunta de Galicia para levar a cabo actuacións de mellora nos camiños rurais e pistas agrarias do municipio lucense de Samos. Así o puxo de manifesto o portavoz do Grupo Municipal do PP, José Aurelio López, quen mostrou a súa satisfacción e agradeceu ao goberno galego o seu compromiso co entorno rural.
Neste senso, o popular destacou que a Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural e do Mar, financiará con 20.526,56 no 2013, e 22.992,94 euros no 2014, obras de mellora de infraestruturas rurais no municipio samoense.
“Mellorar e manter camiños de titularidade municipal e modernizar así os accesos e a comunicación a través da rede viaria son as principais actuacións ás que van destinados estes fondos”- manifestou o popular, quen salientou a procura de modernizar os accesos e a comunicación a través da rede viaria.
Proposta dos populares
O Grupo Municipal do PP de Samos coñecedor desta colaboración da Xunta de Galicia co municipio, rexistrará no Concello un escrito no que propón a adecuación dunha serie de vías con cargo a esta subvención.
Os populares explican que os camiños propostos demandan un arranxo urxente tal e como o solicitan os veciños e que redundará de forma moi positiva no día a día dos samoenses.
Deste xeito, dende o Grupo Municipal de Samos propoñen que se inclúa a mellora das seguintes pistas ou camiños: Trascastro a Santalla; Abradelo a Triacastela; San Cristobo de Louzara a Lampazas; Francos de LU-641 a Airexe; Teivilide a Vilanova; Vilacha a Gontán; Castroncan a San Cobade e de Gosende a Fontercuda desde entrada da pista de Lousada.
Plan de mellora de camiños
O popular explica que estas achegas se realizan con cargo ao Plan de Mellora de Camiños que promove a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), e que teñen fundamentalmente como obxectivo incentivar a modernización e reforma dos viais interiores que serven para a comunicación as zonas rurais dos distintos concellos.
Dunha maneira máis ampla, o voceiro dos populares dixo que o goberno galego destina unha dotación de preto de 14 millóns de euros a esta actuación de mellora de camiños na comunidade, e que se inclúe dentro do obxectivo global dos plans de mellora das infraestructuras no medio rural, que persegue que a totalidade dos concellos galegos se beneficien da mellora das súas infraestructuras básicas, a través de axudas ás entidades locais e, máis concretamente, dos concellos galegos.