Pol 1 de outubro de 2013. A presidenta e voceira do PP de Pol, Ángeles Lenza, puxo en valor os 20 mil euros que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Presidencia, destina ao arranxo do tellado da casa consistorial.
“Esta acción é unha mostra máis de que estamos ante un goberno totalmente volcado coas necesidades dos concellos, dos veciños, sexan da cor política que sexan”- manifestou a popular, quen mostrou a súa satisfacción por esta boa nova.
Ángeles Lenza lembrou o mal estado no que se atopa o tellado da casa consistorial polense e insistíu en que o seu arranxo era algo que necesitaba de maneira urxente.
Concluíu a popular que a situación actual de crise económica e financeira fai necesario reforzar máis a colaboración coas entidades locais en actuacións dentro do ámbito competencial de cada administración que redunden na mellor prestación de servizos por parte dos concellos, algo que está a facer e demostrar, o goberno actual da Xunta de Galicia.