Ribas de Sil, 30 de setembro de 2013.- O voceiro do PP en Ribas de Sil, Jesús Ballesteros, denunciou esta mañá que os incumprimentos por parte de Gómez Besteiro e o seu socios de goberno provocan unha suba nas taxas do servizo de axuda no fogar.
Porén, os populares de Ribas de Sil, no nome do seu voceiro, veñen de anunciar que rexistrarán unha moción, para levar á vindeira sesión plenaria, onde esixirán á Deputación de Lugo que cumpra coa normativa vixente en benestar.
Jesús Ballesteros puxo de manifesto que os populares están en contra de que sexan os veciños de Ribas de Sil os que se vexan prexudicados por unha decisión inxustificada do Organismo Provincial que non asume as súas obrigas en materia de financiamento dos servizos sociais.
DOS MÁIS DE 12 MIL EUROS QUE CUSTA O SERVIZO, A DEPUTACIÓN DE LUGO TAN SÓ ACHEGA 2.555 EUROS
Os populares denuncian que dos máis de 12 mil euros que supón o Servizo de Axuda no Fogar en Ribas de Sil, a Deputación tan só achega 2.555 euros, o que supón un 21% do que custa este servizo, polo que preguntarán no vindeira sesión plenaria se consideran suficiente esta achega para garantir o servizo no municipio.
O popular lembrou que tanto a Lei de Servizos Sociais aprobada polo bipartito en 2008 como o decreto que a desenvolve de 2012 establece a obriga das Deputacións de financiar o custe do Servizo Básico de Axuda no Fogar, naqueles concellos de menos de 20.000 habitantes.
Concluíu o voceiro do PP en Ribas de Sil afirmando que esta situación é froito dunha Deputación de Lugo que non cumpre con este servizo tras negarse a cumplir unha normativa en vigor.