Ribadeo, 30 de setembro de 2013.- O Partido Popular de Ribadeo a través do seu presidente, Jesús López Penabad, agradece a achega que a Xunta de Galicia vén a facer á localidade para a mellora de camiños de titularidade municipal.
Cunha aportación superior aos 61.000 euros; a administración autonómica, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, colabora co concello para a adecuación de viais que permitirán mellorar a calidade de vida dos veciños do rural.
Este investimento recóllese no Diario Oficial de Galicia de hoxe, no que se resolve a lista de subvencións concedidas ao abeiro do Plan marco do Programa de Mellora de Camiños de titularidade municipal durante a anualidade 2013 e 2014.
En concreto, o concello de Ribadeo recibirá da Xunta de Galicia para mellora de camiños máis de 29.000 euros no presente ano e unha contía superior aos 32.500 euros para a anualidade 2014; o que suma máis de 61.600 euros.
Jesús López Penabad agradece este novo compromiso da administración autonómica co concello de Ribadeo, e lembra que a Xunta de Galicia xa na pasada anualidade adecuou con aglomerado en quente a estrada que comunica a zona de Noceda.
Principal reivindicación dos veciños
O popular considera que a adecuación de camiños no rural é unha das principais reclamacións dos veciños, ao tratarse dunha mellora que reincide directamente e de forma moi positiva no día a día dos ribadenses, especialmente naqueles que viven en núcleos máis afastados das zonas máis céntricas.
López Penabad considera que esta subvención de apoio á mellora de infraestruturas rurais do concello contribuirá a optimizar os accesos e as comunicacións a través da rede viaria de titularidade municipal e, polo tanto, contribuirá á fixación da poboación no rural e á diversificación económica.
Plan marco Programa de mellora de camiños de titularidade municipal 2013-2014
A Xunta de Galicia destina unha dotación superior aos 13 millóns de euros a esta actuación de mellora de camiños, que se inclúe dentro do obxectivo global dos plans de mellora das infraestruturas no medio rural, que persegue que a totalidade dos concellos de Galicia se beneficien da mellora das súas infraestruturas básicas, a través de axudas ás entidades locais e, máis concretamente, dos concellos de Galicia.
En concreto, o plan marco de mellora de camiños de titularidade municipal ten por obxecto a ampliación, mellora ou mantemento nas infraestruturas do Concello, entendendo como tales camiños agrícolas e pistas rurais.