Partido Popular de Lugo

O PP denuncia que Gato enganou aos veciños de Monterroso tras renunciar á residencia para persoas maiores e dependentes

Monterroso, 28 de setembro de 2013.- O Partido Popular denuncia que o alcalde, Antonio Gato, renunciou á dotar  a Monterroso dunha residencia para persoas maiores e dependentes o que supón un claro incumprimento das múltiples promesas que efectuou en campaña electoral e un engano aos veciños.

A portavoz do Grupo Municipal Popular, Pilar Varela, explica que as instalacións construídas polo Concello non cumpren os requisitos técnicos, de accesibilidade, calidade e seguridade, esixidos pola lexislación vixente para que o centro poida ter categoría de residencia.

Foi a inspección de Servizos Sociais quen logo de visitar ás instalacións informou –ata en dúas ocasións- da existencia de múltiples irregularidades que non foron corrixidas, o que fixo imposible autorizar a posta en marcha deste centro como residencia.

ACCESIBILIDADE E SEGURIDADE

Entre os problemas detectados e non corrixidos están algúns tan graves como deficiencias nos espazos de atención xeriátrica e de enfermería, pavimentos esvaradíos que incrementan o risco de caídas, superficies como as do comedor ou o cuarto de limpeza de roupa que non acadan a capacidade mínima requirida, falta de ventilación e iluminación nas áreas de rehabilitación, armarios sen a capacidade mínima, portas que obstaculizan o paso con cadeiras de rodas ou, incluso, incumprimentos da normativa contra incendios

NON DARÁ SERVIZO A PERSOAS DEPENDENTES

Que o alcalde desista á apertura deste centro coa categoría de residencia e pida agora autorización para abrilo con tipoloxía distinta –de vivenda comunitaria- implica que este centro sexa inviable, por exemplo, para albergar a aqueles veciños que precisen ser asistidos, isto é, que teñen recoñecido un nivel alto ou medio dependencia, por mor dunha minusvalía ou dificultade motora. As vivendas comunitarias, coa lei man, só están autorizadas a acoller a persoas con un importante nivel de autonomía, deixando a moitos dos futuros veciños e usuarios fóra da posibilidade de acollerse a este servizo

“Agora todos serán balóns fóra. Intentará dicir que é culpa da Xunta. Pero nada máis lonxe da realidade. As irregularidades están aí. Tivo tempo para corrixilas e non quixo. Ademais coñecía os requisitos técnicos que debera cumprir o edificio con anterioridade, polo que non hai escusa que valga. Gato Soengas enganou aos veciños”-concluíu Pilar Varela.

REQUISITOS DESDE 1995

Pilar Varela explica que desde xullo do ano 1995 está vixente o Decreto 243/1995  que regula as condicións e requisitos específicos que deben cumprir este tipo de centros, e desde 1996 a Orde que o desenvolve (este último aprobado polo bipartito). Mentres que as obras comezaron no ano 2010, por iso non ten sentido alegar descoñecemento ou ignorancia das normas.

A edil popular esta segura de que no Concello eran plenamente coñecedores das deficiencias e, a pesar de iso, o alcalde non tivo reparo en prometer a súa apertura anunciando, incluso, que Monterroso tería a primeira residencia da comarca da Ulloa, algo que non vai a ser certo”

MALA XESTIÓN QUE PAGAN OS VECIÑOS

Desde o Partido Popular lamentan o mal uso que está a facer o alcalde dos recursos municipais obrigando a que os veciños asuman importantes esforzos económicos para que despois moitos dos proxectos queden frustrados polas deficiencias e mala xestión do alcalde, como pasa coa residencia ou pasou coas obras da piscina municipal.