Lugo, 27 de setembro de 2013.- Logo de que no pasado pleno municipal Fernández Montes convertese en rogos as mocións que os populares levaron á sesión plenaria, a presidenta e voceira do PP de Rábade, María Luísa Macía, anunciou, esta mañá, en rolda de prensa, que o seu grupo non tolerará máis veces este tipo de atropelos antidemocráticos, e quixo lembrarlle ao alcalde que ten quince días para convocar o pleno extraordinario –fozado pola solicitude dos populares- e someter a votación as mocións que bloqueou do PP.
“Fernández Montes dispón de quince días para convocar o pleno e someter a votación de todos os grupos das mocións sobre a posta en marcha dun plan de emprego municipal e a concesión dunha axuda económica á asociación Músico Crisanto”- aseverou María Luisa Macía, quen engadiu que o seu grupo non está disposto a tolerar que o Señor Montes “salte a torera” a democracia e a normativa sobre o réxime de funcionamento dos concellos.
DEBATER E VOTAR
A popular lembroulle ao rexedor de Rábade que a democracia consiste en debater e opinar, exercicio que este impedíu levar a cabo o pasado luns e afirmou que si o seu grupo quixese que as súas mocións foran rogos xa as incluirían como tales.
“Fernández Montes non pode, en ningún momento, modificar a orde do día de xeito unilateral e transformar en rogos o que son mocións”- insistiu tras engadir que tanto o rexedor como o edil socialista terán que pronunciarse e votar se queren ou non asumir estas peticións dos populares.
NON DESCARTA ACCIÓNS XUDICIAS
A presidenta e voceira popular rabadense tamén informou que o seu partido solicitou un informe xurídico ao secretario municipal sobre a extralimitación de Fernández Montes e está agardando ao resultado que será estudado polos servizos xurídicos do Partido Popular, sen descartar a presentación de cantas accións xudiciais se estimen axeitadas na defensa dos dereitos do Grupo Popular e dos veciños.
Conclúe a popular lembrando que esta non é a primeira vez que Montes obstaculiza a acción de control ao Goberno local por parte do Partido Popular, xa que logo tamén dá mostra deste comportamento ocultista e antidemocrático cando impide o acceso periódico dos edis populares ao rexistro municipal, limitándoo a unha soa consulta ao ano. Todo para evitar que o PP –principal partido da oposición- supervise a súa xestión e que os veciños poidan coñecer a realidade do que acontece neste concello.