Santiago, 27 de setembro de 2013.- O portavoz de Montes do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, quixo poñer en valor as medidas impulsadas pola Consellería do Medio Rural e do Mar para aproveitar e favorecer o aumento da superficie agraria útil en Galicia.
Así por exemplo, o deputado popular explicou que o actual Goberno impulsou reformas normativas tales como a primeira Lei de Montes (ano 2012) ou a Lei de Mobilidade de Terras (2011) que introducen mecanismos para que os espazos forestais improdutivos poidan ser mobilizados con fins agrarios con máis facilidade, axilidade e flexibilidade.
Con todo, Balseiro non comparte a visión proposta por AGE en virtude da cal se chega ao absurdo de pensar que para evitar os incendios forestais hai que renunciar aos nosos montes e, nesa liña, rexeitou a proposta de AGE na Comisión 7ª da Cámara galega na que propoñía crear un plan de recuperación da superficie agraria en detrimento das áreas forestais.
CAMBIO DE USO DOS TERREOS
“A lei da unha gran marxe de actuación as xentes do campo que poden converter a pasto, ou terreos de cultivo montes a mato, ou escasos de arborado ou con arborado non autóctono sen dificultade”, dixo Balseiro.
De feito, destacou tamén que hoxe está en pleno rendemento o Banco de Terras, un instrumento activo, non confiscatorio (o que o diferenza do modelo do bipartito) que facilita que os que non empregan as súas fincas poderán poñelas en arrendamento e non abandonalas.
Pola contra, a nova normativa dificulta o paso contrario, xa que non é sinxelo empregar parcelas que eran agrarias con fins forestais. Para facelo, deben cumprir requisitos moi rigorosos e reforzados, como o mínimo de dous anos ofertados no banco para comprobar que non existe interese agrícola.
En materia de axudas, Balseiro lembrou que desde o ano 2009 aprobáronse expedientes para a implantación de 1.590,63 hectáreas de pradeiras así como 968,63 quilómetros de peches de superficies forraxeiras, cun investimento total de 6.999.442 euros.