Partido Popular de Lugo

Tobías Martínez: “dos preto de 82.000 euros que supón o Servizo de Axuda no Fogar na Fonsagrada, a Deputación só achega 9.336 euros”

Fonsagrada, 26 de setembro de 2013.  O voceiro do PP en A Fonsagrada, Tobías Martínez, denunciou esta mañá o incumprimento da Deputación de Lugo cos veciños de A Fonsagrada en materia de benestar e xa anunciou que o seu grupo rexistrará unha moción para esixirlle ao goberno provincial que cumpra coa Fonsagrada nesta materia.

“A Deputación de Lugo tan só aporta un 11% do que custa este servizo”- denunciou o popular, quen denunciou que dos preto de 82.000 euros que supón o Servizo de Axuda no Fogar na Fonsagrada, o Organismo Provincial tan só achega 9.336 euros.

Ante esta cifra, Tobías Martínez pregúntalle ao responsable de Benestar, Antón Veiga, se considera que con esta contía está garantida a competencia da administración provincial co municipio e agarda que o rexedor local, Argelio Queipo, se posicione a favor dos intereses dos veciños e non dun goberno provincial que vén de tomar unha decisión totalmente inxusta.

NORMATIVA

Tobías Martínez lamenta que os servizos sociais nunca foran unha prioridade para a Deputación e recórdalle ao bipartito provincial que a lei de servizos sociais foi aprobada polo goberno bipartito no ano 2008 e pretendía dar un novo escenario na regularización dos servizos sociais, para acadar un gran pacto social a favor dos máis desfavorecidos, impoñendo unhas obrigas económicas a todas as administracións.

Asemade, o voceiro dos populares neste concello de A Montaña lémbralle ao goberno provincial que o decreto que perfecciona esta regularización establece que para os concellos de menos de 20.000 habitantes as deputacións provinciais financiarían a maior parte do SAF no Fogar Básico e a contratación de persoal distinto aos traballadores sociais.