Partido Popular de Lugo

O PARLAMENTO APROBA, A INICIATIVA DO PPDEG, ACCIÓNS PARA A VISIBILIZACIÓN E POSTA EN VALOR DA PARTICIPACIÓN DAS MULLERES NO PROCESO HISTÓRICO XERAL DO NOSO PAÍS

Santiago,  26 de setembro de 2013.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha iniciativa do PPdeG na que se solicita desenvolver programas de actuacións para conseguir  a visibilización e posta en valor da participación e produción das mulleres como pezas fundamentais na configuración e desenvolvemento da sociedade galega e no proceso histórico xeral do noso pais”.  “Este recoñecemento debe situar as mulleres relevantes do noso país na nosa historia, analizando os condicionantes que tiveron pola súa condición de mulleres e se lles recoñeza o seu papel no desenvolvemento político, social, artístico, cultural e económico, superando visións puramente anecdóticas e ou secundarias”  segundo indicou a voceira de Igualdade do PPdeG, Julia Rodríguez Barreira.

A deputada popular sinalou na súa intervención  que “a divulgación e a súa referencia constitúe unha débeda histórica que os poderes públicos deben atender”. Con este obxectivo, segundo Julia Rodríguez, nos últimos tempos se fixo unha importante labor institucional “e cómpre agora darlle continuidade a este traballo e dar a coñecer, e noutros casos redescubrir, mulleres galegas que, desafiando valores e normas imperantes, foron quen de falar con voz propia”.

Julia Rodríguez Barreira indicou que é necesario recoñecer o valor e as achegas das mulleres da nosa historia, o que contribuirá a “construír e divulgar  a memoria histórica feminina de Galicia e ao desenvolvemento dunha sociedade máis integradora, equitativa e democrática”. Para a voceira de Igualdade trátase de “por en valor o esforzo de tantas mulleres na historia de Galicia que contribuíron a que hoxe sexamos o que somos”.

A voceira popular destacou a necesidade de recoñecer ás mulleres  e situalas nos contextos que lles tocou vivir para “descubrir aspectos esquecidos e axudarnos a unha comprensión máis profunda do que significaron”. Así mesmo, indicou “é de gran valor para dotar ás xeracións actuais de referentes femininos que ofrezan usos e valores onde teña cabida a igualdade entre mulleres e homes e que sexan de utilidade na construción de proxectos vitais libres de condicionantes de xénero”.

Esta aproximación de conxunto, que contemple a variable de xénero, se realizaría a figuras relevantes da nosa historia como Emilia Pardo Bazán, Concepción Arena, Rosalía de Castro e outras moitas mulleres que despregaron a súa actividade en ámbitos diversos, “mulleres pioneiras con nome e apelidos con achegas importantes á innovación cultural e intelectual, mulleres de fortes convicións que contribuíron ao desenvolvemento da nosa sociedade e as que de forma anónima e individualmente supuxeron o sostén para a supervivencia da familia, realizando as mesmas tarefas do home fora da casa e dentro ocupando labores de coidados a fillos e avós e das explotacións familiares como as mulleres campesiñas ou as mulleres do mar”.