Partido Popular de Lugo

A delimitación do núcleo de Lamas responde a unha proposta plenaria do PP

Becerreá, 26 de setembro de 2013.- A voceira do Partido Popular de Becerreá, María Jesús Roldán, amosa a súa satisfacción e agradecemento pola solución que se lle ofreceu aos veciños do núcleo de Lamas, porén lamenta que este respaldo legal non chegase antes froito da inactividade do alcalde, o socialista, Manuel Martínez.

A voceira dos populares lembra que a delimitación do núcleo de Lamas responde a unha proposta plenaria rexistrada polo Partido Popular de Becerreá na que instaba ao alcalde a que cesara na súa inactividade e iniciase a tramitación do expediente.

A maiores, Manuel Martínez fóra informado pola Xunta de Galicia de que a delimitación do núcleo era o procedemento máis rápido e axeitado para solucionar a regularización das edificacións neste lugar, estando afectada unha delas por unha orde de demolición de reposición da legalidade dende o ano 2001.

Sen embargo, a intransixencia do socialista xunta coa súa falta de vontade, matiza María Jesús Roldán, provocou que dende o Concello se tardase ata dous anos en tramitar este expediente, ao que se lle deu iniciou dende a administración local en marzo deste ano.

O rexedor local como máximo responsable de ordear, xestionar e executar o urbanismo no territorio de Becerreá é o culpable das sancións aos veciños, así como dos problemas xurdidos coas multas de demolición que se deron neste último ano.

A popular confronta a actitude pasiva de Manuel Martínez coa da Xunta de Galicia que, actuou de forma rápida e axeitada na regularización do conxunto de edificacións, tal e como se comprometera, e tendo en conta que dende o concello iniciouse só fai seis meses a tramitación do expediente.

Aprobación do PXOM

Dende o Partido Popular de Becerreá insisten en que o Concello debe aprobar o antes posible o Plan Xeral de Ordenación Municipal como fórmula para legalizar a totalidade das vivendas en situación irregular, sendo unha necesidade que xa foi advertida en diversas ocasións pola Xunta, atopándose sempre coa falta de reacción do alcalde.

O Partido Popular seguirá a traballar para dar unha solución ao conxunto de caos urbanístico no que está o municipio, presionando ao alcalde para que aprobe o Plan Xeral de Ordenación Municipal.